Os galardóns recoñecen traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía
- Hai tres categorías, dotadas cada unha delas con 6.000 euros e un diploma acreditativo
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o 15 de abril
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía. Os destinatarios destes galardóns son os investigadores e as empresas galegas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento.
Na súa oitava edición, os galardóns divídense en tres categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O premio “Fernando Calvet Prats” destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida. E por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida. As tres categorías están dotadas cada unha delas cun premio de 6.000 euros e un diploma acreditativo.
Aos dous primeiros premios poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Ao terceiro, poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade. En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese hoxe martes, 15 de febreiro, e pecharase o vindeiro 15 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas webs da RAGC (https://www.ragc.gal) e de GAIN (http://gain.xunta.gal). Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido ao enderezo electrónico ptt@ragc.gal.
Proxectos innovadores premiados desde 2015
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia recoñecen desde 2015 as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedentes de organismos de investigación ao tecido produtivo. Destacan proxectos centrados nos campos da biomedicina, farmacolóxica, tecnoloxías TIC ou traballos sostibles nos sectores agroforestal e agroindustrial, todos eles liderados por grupos de investigación de toda Galicia. En concreto, distinguíronse proxectos sobre o tratamento dos efectos secundarios da quimioterapia, tratamento para onicomicoses, tratamento para enfermidades orais bacterianas, tecnoloxías láser, 3D e de microcalorimetría, así como traballos para a creación dunha vacina para a acuicultura mariña, un biomaterial para rexeneración ósea e a unha tecnoloxía de recoñecemento facial para evitar fraudes.
Más información e bases: