Estas charlas están destinadas a espertar o interese do gran público pola ciencia e impulsar o labor científico feito en Galicia
Serán dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos, en formato webinario ou semipresencial con streaming desde o Pazo Provincial de Pontevedra e na nova sede en Vigo
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra presentaron hoxe a segunda edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, froito da sinatura previa dun convenio de colaboración. É unha actividade que se celebrará entre os meses de abril e decembro destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia. Ao acto asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañados pola vicepresidenta da RAGC e catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago (USC), Alicia Estévez Toranzo, que asistiu ao acto en calidade de coordinadora do ciclo, e a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra Olga M. García Ballesteros. Co obxecto xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía, a RAGC puxo en marcha en 2020 este ciclo chamado Aida Fernández Ríos, quen foi unha brillante investigadora, bióloga oceanógrafa e académica, que tristemente faleceu en decembro de 2015. Ao finalizar o acto, Juan Lema e Alicia Estévez asinaron no libro de honra da Deputación.
Carmela Silva explicou que este ciclo está destinado a facer chegar ao conxunto da cidadanía o coñecemento científico. Salientou que a RAGC promoverá con motivo do Día da Ciencia en Galicia, que se celebra o 8 de outubro, a figura da pioneira da xenética en España, Jimena Fernández de la Vega, unha actividade que Carmela Silva destaca por visibilizar a mulleres que tanto aportaron á ciencia. Así, esta segunda edición do ciclo contará cunha conferencia sobre Jimena que, polo seu alcance, celebrarase no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra o vindeiro 3 de xuño.
Pola súa parte, Juan Lema destacou o valor positivo desta colaboración conxunta destinada a “promocionar e poñer a ciencia na rúa ao alcance da cidadanía”, con temas fundamentais e básicos para o desenvolvemento da sociedade. Ademais, Lema sinalou que ten como valor engadido o protagonismo de mulleres científicas, como así o demostra o propio título do ciclo.
O ciclo constará dun primeiro bloque de dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos das tres universidades galegas, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), do Centro Oceanográfico de Vigo, da Universidad Complutense de Madrid e da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.
As conferencias celebraranse do 29 de abril ao 1 de xullo, en formato webinario e semipresencial con streaming desde o Salón de Plenos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra (Avda. Montero Ríos, s/n) e na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Eduardo Chao, 17), ás 19:00 horas, e estarán dirixidas ao público en xeral.
Enfoque multitemático de divulgación científica
As temáticas do ciclo serán a contaminación por microplásticos, as pandemias silenciosas, o impacto do cambio climático e da saúde na economía, as mulleres e a ciencia, os exoplanetas e as adegas circulares.
A catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen Pérez, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, impartirán conferencias sobre a contaminación por microplásticos, a súa incidencia na sociedade actual e o seu impacto no medio mariño, o xoves 29 de abril.
De seguido, o xoves 6 de maio intervirán o catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid, Bruno González Zorn, e o catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, Carlos Diéguez. Analizarán as pandemias silenciosas, en concreto a resistencia aos antibióticos e a obesidade.
Tamén a catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e académica correspondente da RAGC, Beatriz González López-Valcárcel, e o catedrático de Economía da UVigo, Xavier Labandeira, terán relatorio no ciclo o xoves 27 de maio sobre os impactos económicos do cambio climático e da saúde, centrando o tema na covid-19 e nos aspectos económicos dun dos principais desafíos presentes e futuros da humanidade, o cambio climático.
Outra das temáticas do ciclo versará sobre as mulleres e a ciencia e será o xoves 3 de xuño. Participará Xoana Pintos, doutora en Bioloxía pola USC e especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, que destacará a figura da médica e xenetista Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Tamén intervirán Carmen González Sotelo, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo, e o catedrático da área de Física da Terra da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, Gabriel Rosón, que farán unha semblanza de Aida Fernández Ríos, tanto desde o punto de vista persoal como científico. Carmela Silva apuntou que no mes de xuño a Deputación presentará unha camelia co nome de Jimena Fernández de la Vega no espazo de camelias con nome de muller aberto nos xardíns do Castelo de Soutomaior.
Na xornada do xoves 17 de xuño, a catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña (UDC), vicepresidenta da Sociedad Española de Astronomía e académica da RAGC, Minia Manteiga, centrará o seu relatorio nos exoplanetas e os métodos que usan os astrónomos para a detección de planetas.
O ciclo pecharase o xoves 1 de xullo cunha conferencia a cargo da catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores, que falará sobre a función dos polifenois na industria vitivinícola e a vinificación sostible.
Fomento de vocacións científicas en centros de ensinanza
Por outra parte, o ciclo consta dun segundo bloque de actividades no que se celebrarán cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022, é dicir, entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.
O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/ciclo-de-conferencias-aida-fernandez-rios), e todos os participantes recibirán posteriormente un certificado de asistencia.