Antonio Figueras, Santiago Lago, Pedro Arias, Alberto Bugarín e Diego Peña recibirán a súa distinción no acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o 8 de outubro
A RAGC recoñece coas “Medallas de Investigación” a cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e do CSIC. Esta distinción, que cumpre a súa sexta edición, valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro no Paraninfo da USC, en Santiago.
Antonio Figueras, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde
Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo, onde dirixe o grupo de Inmunoloxía e Xenómica. É un referente internacional en patoloxía de organismos mariños, especialmente moluscos. A súa experiencia en estudos xenómicos, bioinformáticos e de secuenciación masiva permitiulle ampliar a súa investigación a moitos campos da bioloxía mariña e conseguir fitos moi relevantes como a secuenciación do xenoma completo do rodaballo e do mexillón, importantes especies para a acuicultura galega e española. O resultado da súa actividade científica tradúcese nun inxente número de artigos e libros cun índice H de 67 (Web of Sciences), estando incluído no ranking Stanford entre o 2% dos investigadores máis influentes do mundo. Na actualidade dirixe o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermedades de Moluscos e a Asociación Europea de Patólogos de Peixes.
“Estou moi agradecido á Real Academia Galega de Ciencias por esta Medalla, para min é unha verdadeira honra. Este recoñecemento motívanos a seguir investigando con paixón no campo da acuicultura e en proxectos tan interesantes como o xenoma do mexillón. Quero darlle as grazas á RAGC por impulsar a ciencia mariña e por destacar a importancia de coidar os nosos mares” -manifesta o investigador-.
Santiago Lago, premiado en Ciencias Económicas e Sociais
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria do economista Santiago Lago Peñas(Vigo, 1971), catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago. É un referente internacional no campo do federalismo fiscal e a descentralización. Traballou como asesor para organismos internacionais como o Banco Mundial, a OCDE ou o Banco Interamericano de Desenvolvemento; e participou no deseño de políticas públicas en España e Galicia. Tamén formou parte dos equipos redactores dos últimos Libros Blancos do Goberno de España nos ámbitos do financiamento autonómico e reforma fiscal. Participou en comisións parlamentarias autonómicas e nacionais, ao tempo que asesorou a distintos gobernos sobre a implantación de políticas fiscais e económicas. En 2010 fundou o Foro Económico de Galicia, unha plataforma que fomenta o diálogo entre o sector empresarial, o académico e o político. Está considerado un dos economistas máis influentes de España no ámbito da economía pública.
“Síntome moi honrado e moi feliz, sobre todo polo que supón de recoñecemento da orientación do meu traballo de investigación dende hai tempo, no que sempre tento combinar a análise rigorosa e cuantitativa coa selección de asuntos de política pública relevantes para a contorna galega, española e mesmo europea” -salienta-.
Pedro Arias, recoñecido no campo das Ciencias Técnicas
Pedro Arias Sánchez (Lugo, 1965), catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e investigador principal do grupo de investigación Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. A RAGC destaca o seu brillante labor investigador, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. Tamén se valorou que aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos.
“Recibir a Medalla de Investigación en Ciencias Técnicas é un privilexio e supón un recoñecemento por parte da RAGC, polo que estou moi agradecido. Este premio non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño” -resalta-.
Alberto Bugarín, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago Alberto Bugarín Diz (Caracas, 1967). É investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, onde coordina o Grupo de Sistemas Intelixentes, recoñecido como grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. A súa investigación céntrase en diferentes áreas da intelixencia artificial e as súas aplicacións, como a xeración de linguaxe natural, intelixencia artificial fiable, computación flexible, aprendizaxe automática e a representación do coñecemento e razoamento aproximados. É coautor de máis de 200 traballos científicos nestes temas e participou en máis de 60 proxectos de I+D e contratos de innovación e transferencia. Ademais, coordina o Grao en Intelixencia Artificial, impartido conxuntamente polas tres universidades galegas. É vogal da Asociación Española para la Inteligencia Artificial e secretario da Sociedad Española para el Procesamiento del Lenguaje Natural.
“É un gran honor recibir esta medalla, que lle agradezo enormemente aos académicos e académicas da RAGC. Para min non é un recoñecemento individual, senón colectivo ao bo traballo feito polas investigadoras e investigadores do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS da USC nos 35 anos que estamos a piques de cumprir. Esta medalla é tan deles e delas coma miña, e quero agradecerlles o seu esforzo por investigar a un moi alto nivel internacional e por crear aplicacións de grande impacto, que son unha magnífica mostra da elevada calidade da intelixencia artificial que desenvolvemos desde Galicia” -salienta-.
Diego Peña, medalla na sección de Química e Xeoloxía
O catedrático Diego Peña Gil (Santiago de Compostela, 1974), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CiQUS), recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía, pola súa gran traxectoria científica. É un investigador cun gran recoñecemento internacional, que abriu unha nova área de investigación en Química Orgánica, tratando de resolver problemas químicos mediante a combinación da química e a ciencia de superficies, que leva á manipulación de moléculas individuais. Os seus traballos, realizados en colaboración con físicos de distintos países, publicáronse en revistas de alto impacto como Science ou Nature, e abriron novos campos de investigación na fronteira entre a química e a física. Tal como resalta a Academia, “trátase, sen dúbida, dun dos investigadores con maior proxección en Galicia no estudo da Química”.
“Síntome moi ditoso pola concesión da Medalla da RAGC, que ademais leva o nome dun dos meus ídolos científicos, pioneiro da investigación en Galicia e referente para os químicos galegos, o profesor Antonio Casares. Moi agradecido aos académicos e académicas por considerarme merecedor desta distinción, que en realidade premia o traballo de todo un grupo de investigación e colaboradores” -manifesta-.