Jesús López Romalde, Ramón Máiz, Mª Ángeles Sanromán, Jorge Mira e Isabel Pastoriza recibirán a súa distinción no acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o 6 de outubro
A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas “Medallas de Investigación” a cinco científicas e científicos galegos en activo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo). Esta distinción, que cumpre a súa cuarta edición, valora as traxectorias senlleiras e consolidades en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 6 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago.
Jesús López Romalde, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde
Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González,da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, “pola súa traxectoria científica e os logros obtidos en investigación e transferencia á sociedade neste eido”. É catedrático de Microbioloxía e decano da facultade de Bioloxía da USC. Comezou estudando a microbioloxía de organismos acuáticos, incluíndo diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. Os seus descubrimentos permitiron o desenvolvemento de vacinas como medida de prevención da yernisiose en peixes; avances que foron aplicados de forma paralela a otros patóxenos de peixes e moluscos. Logrou cinco patentes de vacinas para peixes ou métodos de diagnóstico de patóxenos, destacando a súa contribución a salvar a continuidade da industria do rodaballo en Galicia, ao deseñar unha vacina que conseguiu erradicar a estreptococose nesta especie. Foi nomeado experto técnico para SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuales a nivel estatal.
“É unha gran honra recibir a Medalla de Investigación da RAGC, non só pola satisfacción persoal de ver recoñecida unha traxectoria científica de máis de 35 anos, senón porque constitúe un pulo para seguir a traballar arreo no ámbito da Microbioloxía, unha disciplina apaixonante cuxa importancia para a sociedade quedou demostrada durante a recente pandemia. Quero agradecer e compartir este recoñecemento coas persoas que fixeron posible que chegase ata aquí, especialmente á miña familia e aos integrantes do meu grupo de investigación na USC ao longo destes anos” -manifiesta-.
Ramón Máiz, premiado en Ciencias Económicas e Sociais
A medalla Domingo García-Sabell Rivas,da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria de Ramón Máiz Suárez (Tenerife, 1953), catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC, “un dos politólogos máis importantes do noso tempo”. Entre as súas publicacións inclúense traballos senlleiros sobre temas como o nacionalismo e as institucións políticas en Galicia, a orixe do Estado moderno, o federalismo e a articulación territorial do poder, ou a influencia do pensamento de Sieyès para establecer a distinción entre nación e pobo. Firme defensor das Ciencias Sociais como un todo interconectado, influíu de maneira decisiva nos moitos estudantes de Ciencias Políticas e doutras disciplinas que asistiron ás súas clases, e moi especialmente nos autores das máis de trinta teses de doutoramento que dirixiu ao longo da súa carreira.
“Este recoñecemento merece todo o meu emocionado agradecemento por proceder de tan prestixiosa institución e posúe unha débeda impagábel cos dous ámbitos colectivos nos que levo traballando toda a miña vida: o contexto de excelencia da Universidade da Santiago de Compostela e, moi especialmente, o equipo de Investigacións Políticas da USC” -sinala-.
Mª Ángeles Sanromán, recoñecida no campo das Ciencias Técnicas
A catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Mª Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal “polos seus extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e polo impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación”. Formada en Santiago, Birmingham e Berlín, mantén unha intensa actividade en eidos como o tratamento de efluentes, a rexeneración de solos contaminados ou os tratamentos electroquímicos. Puxo en marcha o Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles da Uvigo -grupo de referencia internacional-, ademais do Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada. Ten participado en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, formando parte do reducido grupo de investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da prestixiosa Universidade de Stanford.
“Para mí este premio supone el reconocimiento a una trayectoria profesional dedicada a la aplicación de la Ingenieria Química en áreas como la Tecnología Medioambiental y la Biotecnología. Pero también es el reconocimiento a aquellos que en su día apostaron por mí y me animaron a tomar este camino tan apasionante. Por ello me gustaría compartirlo con los que a lo largo de mi trayectoria se han ido uniendo al grupo BIOSUV en la Universidad de Vigo y especialmente con mi familia” -destaca-.
Jorge Mira, medalla da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación
A medalla Enrique Vidal Abascal,da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Electromagnestismo na USC Jorge Mira Pérez (Baio, 1968), “pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un grande abano de disciplinas”. Autor duns 140 artigos en revistas de impacto internacional e 9 patentes e creacións rexistradas. Foi investigador ou investigador principal en 43 proxectos autonómicos, nacionais e europeos; e investigador principal de máis dunha vintena de contratos e convenios. Coautor de traballos con científicos do talle do Premio Nobel John Goodenough, foi colaborador do Ministerio de Educación e Ciencia para a creación do Instituto Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, membro do equipo encargado da predición da evolución da pandemia de Covid-19 para a Xunta de Galicia e membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. É académico correspondente da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Físicos de España.
“Síntome profundamente honrado por este recoñecemento da RAGC e invadido pola gratitude cara aos meus colaboradores ao longo destes anos, persoas brillantes coas que tiven o privilexio de compartir esforzos e aos que lles corresponde unha parte desta medalla” -apunta Jorge Mira-.
Isabel Pastoriza, medalla na sección de Química e Xeoloxía
Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez,da sección de Química e Xeoloxía. É profesora titular no Departamento de Química Física da Universidade de Vigo, “destacando a súa capacidade para deseñar e desenvolver importantes proxectos científicos, así como dirixir a mozos investigadores e participar activamente na xestión da Química en España”. Desde a Academia remárcase o seu traballo no campo do deseño das nanopartículas con actividade electrocatalítica durante máis de 20 anos, realizando contribucións relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal. Ten conseguido nanopartículas con respostas ópticas sobresaíntes e tamén importantes logros no diagnóstico da COVID-19. Publicou máis de 42 artigos nas revistas científicas internacionais máis prestixiosas no eido da Química e puxo en marcha a Rede de Nanomedicina na nosa comunidade.
A premiada séntese “moi honrada por recibir esta distinción da RAGC. Como se recoñece a traxectoria científica, debo e quero compartir o premio con todas as persoas que me acompañaron e apoiaron ao longo da miña carreira investigadora, así como tamén coa Universidade de Vigo”.