Juan Lema, presidente: “Convertamos a ciencia en Galicia nun proxecto tractor de primeira magnitude, un plan de futuro transformador da nosa sociedade”
María Teresa Fernández de la Vega, presidenta do Consejo de Estado e sobriña de Jimena: “Me decía mi tía: No olvides nunca que lo que permite de verdad cambiar las cosas es el conocimiento, lo que permite mejorar la vida de la gente es el saber”
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o venres, 8 de outubro, no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia no que se homenaxeou a Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984), pioneira da xenética médica en España como ‘Científica Galega do ano 2021’.
Neste acto central participou a presidenta do Consejo de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola RAGC. Ademais, contou coas intervencións do presidente da Academia, Juan Lema; do reitor da USC, Antonio López; e da sobriña neta da homenaxeada, Constanza Sánchez Ferrari, que leu unhas palabras en nome de seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega –sobriño de Jimena–, que non puido asistir ao evento. Tamén se contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde; o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer; o alcalde de Santiago, Xosé A. Bugallo; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas e culturais galegas.
Juan Lema agradeceu sinceramente a presenza de todas as autoridades e deu unha benvida calorosa aos familiares de Jimena, chegados expresamente a Santiago para esta homenaxe desde lugares tan diversos como Arxentina ou desde distintos puntos da xeografía española. “Muller excepcional, un modelo a imitar, como científica pero tamén como persoa, teimuda, intelixente, valorosa, visionaria e xenerosa”, así describiu o presidente da Academia a Jimena, protagonista da publicación “Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo” presentada esta mañá no Consello da Cultura Galega.
O libro conta con limiares de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e do presidente da RAGC (entidades editoras), e con artigos de María Teresa Fernández de la Vega; da doutora en Xenética da Universidad Complutense de Madrid, Milagros Candela; do catedrático de Medicina Legal da USC e académico da RAGC, Ángel Carracedo; da catedrática de Hidroloxía da UDC, Rosa Meijide; e da secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.
A exaltación da súa figura continuou coa proxección do vídeo “Jimena, científica e divulgadora”, unha produción na que se abordan cuestións persoais e familiares de Jimena e por suporto o aspecto científico da súa traxectoria, así como a difusión da súa vida e obra na Revista A Ciencia en Galicia co fin de proxectala ao conxunto da sociedade. “Queremos propoñer a Jimena como modelo de persoa, de muller, de científica que ao longo de toda a súa vida concibiu a busca do coñecemento como o seu camiño de crecemento persoal, e a ciencia como palanca de progreso social, na procura dun mundo mellor” –manifestou Lema–.
Redución da produción científica galega, segundo un informe da Revista A Ciencia en Galicia da RAGC
Neste Día da Ciencia en Galicia, unha sinxela pero entusiasta contribución da Academia para transmitir os valores da ciencia ao conxunto da sociedade, Lema destacou o labor das científicas e científicos, sen dúbida vocacional, que realizan un traballo dedicado, sostido no tempo e sen ter a certeza de que o seu esforzo sexa válido para resolver problemas específicos, para o que destacou que compre o apoio da sociedade. “O motor da súa actividade é a procura do coñecemento. A arela por descubrir o descoñecido, a curiosidade insaciable, pretendendo contribuír, nun traballo colectivo e solidario, ao avance da humanidade” –sinalou–.
A Academia aproveitou tamén o acto para facer público un informe comparado, incluído na Revista A Ciencia en Galicia da RAGC, sobre a evolución da produción científica galega no marco das Comunidades Autónomas españolas nos últimos dez anos. Lema apuntou ao respecto que con este estudo compróbase o avance cualitativo e cuantitativo das universidades galegas, pero tamén que a velocidade do proceso non é suficiente para manter o ritmo marcado polas comunidades máis activas. “A contribución de Galicia no seu conxunto e das universidades galegas en particular vai, co tempo, descendendo paseniña pero continuamente, nunha dinámica diverxente con respecto ao conxunto español” –matizou–.
No informe obsérvase con nitidez o proceso sistemático de concentración da produción científica por un número cada vez máis reducido de entidades, proceso no que segundo indicou Lema “Galicia risca o perigo inmediato de que ningunha das súas universidades, que xeran máis do 90% da produción científica galega, se manteña no selecto cadro das universidades máis dinámicas”. Lema solicitou unha reflexión colectiva entre universidades, Administracións públicas e axentes sociais e económicos para virar o sentido desta curva descendente que conclúa na elaboración dun “pacto pola ciencia”, suxerido xa pola Academia desde hai tempo. “Convertamos a ciencia en Galicia nun proxecto tractor de primeira magnitude, un plan de futuro transformador da nosa sociedade” –manifestou–.
Carracedo: “Realizou experimentos magníficos coa mosca Drosophila para entender a xenética da herdanza e trasladalo aos humanos”
Ángel Carracedo ofreceu unha conferencia titulada “Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética clínica” na que destacou a valentía de Jimena para enfrontarse a un mundo que naquel momento era todo homes. A pesar das adversidades, Carracedo sinalou que Jimena conseguiu varias bolsas para saír fóra de España onde investigou cos mellores da época. “Realizou experimentos magníficos coa mosca Drosophila para entender a xenética da herdanza e trasladalo aos humanos” –apuntou–.
Pola súa parte, María Teresa Fernández de la Vega impartiu unha segunda conferencia titulada “La tenacidad de una científica humanista”. Relatou que Jimena naceu no seo dunha familia cun gran ambiente de estudo, de promover a intelixencia e o coñecemento. Segundo narrou, esa aura familiar levou a súas tías, as xemelgas Jimena e Elisa, a querer ser médicas nuns anos nos que as mulleres non facían carreira. Pero coa axuda do seu pai, que tamén era médico, María Teresa explicou como foron a estudar medicina á mellor facultade do momento, a de Santiago, e enfrontar todos as dificultades coas que se atoparon. “Me decía mi tía: No olvides nunca que lo que permite de verdad cambiar las cosas es el conocimiento, lo que permite mejorar la vida de la gente es el saber, por lo tanto tú no dejes nunca de estudiar” –confesou–.
Distinción de traxectorias senlleiras en investigación para a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas
Entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC na súa terceira edición. As persoas distinguidas este ano foron Carmen Álvarez Lorenzo, medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, destacada experta no estudio de sistemas que permiten unha mellor e máis eficaz administración de fármacos, traballando desde a macro á nano escala, un traballo na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica; Carlos Hervés Beloso, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, referente no campo da Teoría Económica, mestre de economistas e que foi quen de agrupar un bo número de prestixiosos economistas galego en Ecobas, unha iniciativa de moito éxito e cun moi brillante futuro; Luis Castedo Ribas, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, destacado especialista no campo de enxeñaría de comunicación sen fíos, cunha dilatada carreira académica ao fronte do seu grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións pero tamén cunha salientable actividade no ámbito de transferencia ao sector empresarial; Manuel Eulogio Ladra González, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, cuxos traballos en álxebra homolóxica de diferentes estruturas alxébricas pretenden, non só un avance teórico significativo, senón tamén dar resposta a problemas computacionais nos campos da física e a bioloxía; e María Antonia Señarís Rodríguez, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, cunha dilatada e exitosa actividade investigadora nos campos da química e da física do estado sólido e materiais deseñando, preparando e estudando compostos sólidos, traballo que deu lugar non só a un bo número de excelentes publicacións senón á transferencia de resultados a empresas produtoras de novos materiais.
Placa conmemorativa e camelia na honra de Jimena no Parque das Ciencias
Por outra parte, celebráronse outros actos pola mañá para honrar a figura de Jimena, coa posta dunha conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle), coa colaboración do Concello de Santiago, e a plantación no mesmo parque dun exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada, en colaboración coa Deputación de Pontevedra (Máis información da camelia en https://www.depo.gal/es/-/camellia-japonica-jimena-fernandez-de-la-vega). Tamén pola mañá asinou no libro de honra da RAGC a presidenta do Consejo de Estado.
Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola Universidade de Santiago (USC), representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. Foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia. Logo da Xenética, orientou a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica. Jimena foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial que lle permitiu dar unha salientable visibilidade ás científicas da época.
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega a vida e actividades daquelas científicas ou científicos que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento da ciencia en Galicia.
Pódese ver de novo o acto na canle de YouTube da RAGC. ENLACE