A Real Academia Galega de Ciencias celebrou o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, que tiveron lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Estes galardóns, que cumpren a súa 32ª edición, están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais. Presentáronse un total de 66 traballos nas dúas modalidades establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros.
No evento estivo o presidente da RAGC, Juan Lema. Asistiron ademais outros académicos da institución, xunto ao vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Emprego da Universidade da Coruña, M.ª José Lombardía Cortiña; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de entidades políticas, culturais e académicas galegas.
Juan Lema amosou a súa “satisfacción polo elevado nivel das candidaturas presentadas, nas cinco áreas da Academia, que fixo moi difícil o labor do xurado. Traballos que contemplan tanto investigación básica como orientada na procura de solucións reais a problemas que se presentan na nosa sociedade”. Segundo palabras do presidente, “os catro traballos premiados representan un grande exemplo da investigación de alto nivel que se está a producir en Galicia”.
Mellor investigador sénior
O proxecto premiado na modalidade de investigadores sénior foi para o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto a investigadores da compañía IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña). Lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. O avance, que foi portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria.
Mellor investigador mozo
O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos foi para un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. O equipo desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles, mediante a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial e de procesamento da linguaxe natural. O traballo foi publicado en 2022 na revista Engineering Applications of Artificial Intelligence.
Dúas mencións honoríficas
A Academia concedeu unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (Universidade da Coruña). Estes arrecifes verdes terán como obxectivo mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, co fin de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.
A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo que analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso de auga reciclada (auga residual tratada) como solución á escaseza deste recurso, a pesar de que se trata dunha tecnoloxía sostible. Os seus autores, dirixidos por Sergio Vila, desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.