A Academia destaca que “son un moi bo exemplo da mellor investigación que se está a realizar en Galicia, en áreas que preocupan á sociedade como son o medio ambiente, a saúde e a IA”
A RAGC celebrou o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023, que tivo lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Estes galardóns, que cumpren a súa 33ª edición, están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais. A esta convocatoria presentáronse un total de 44 traballos.
No evento estivo o presidente da RAGC, Juan Lema. Asistiron ademais outros académicos da institución, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; Carmen Pomar, do grupo parlamentario do PP; Iria Carreira do BNG; Julio Abalde do PSdeG-PSOE; entre outros representantes de entidades políticas, culturais e académicas galegas.
Na súa intervención, Juan Lema declarou que “estes premios son un moi bo exemplo da mellor investigación que se está a realizar en Galicia, ademais en tres áreas que na actualidade preocupan de xeito particular á sociedade como son o medio ambiente, a saúde e a intelixencia artificial. É unha mostra de que a ciencia se centra en temas que lles interesan aos cidadáns”.
Primeiro premio
O primeiro premio recaeu no equipo liderado por Soledad Muniategui, do Grupo de Química Analítica Aplicada do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña. Lograron avances significativos na identificación e caracterización científico-técnica de microplásticos, un proceso complexo pero fundamental para poder abordar e mitigar o grave problema ambiental que representa a súa presenza no medio, sobre todo no mar. Na actualidade non existe unha metodoloxía analítica común que permita establecer plans de monitorización ambiental nacionais e supranacionais, polo que os investigadores galegos están a desenvolver métodos validados e contrastados para a determinación de microplásticos no medio. Na actualidade son o único grupo español que traballa con centros metrolóxicos europeos nun proxecto financiado pola UE para desenvolver patróns certificados de microplásticos que permitan validar métodos analíticos. Por outro lado, idearon novos métodos para determinar a presenza de microplásticos en fitoplancto e zooplancto, algas de consumo humano e peixe (en particular en xarda e salmón).
Dúas mencións honoríficas
A Academia concedeu ademais dúas mencións honoríficas. Unha foi para o equipo coordinado por María Jesús González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago. O seu traballo afonda no control do metabolismo da glicosa. O mantemento dos niveis de glicosa en sangue é esencial para o correcto funcionamento do organismo, de xeito que as alteracións no seu mantemento e regulación atópanse na raíz do desenvolvemento de importantes enfermidades como a diabetes, que afecta a máis de 5 millóns de persoas en España. Nesta liña, logaron avances significativos no control dunha proteína fundamental neste proceso, a PCK1, o que representa un paso importante no deseño de novas terapias para o tratamento da diabetes. Os resultados deste traballo publicáronse na revista científica Cell Metabolism, líder no campo de endocrinoloxía, metabolismo e bioloxía celular; que ademais elixiu este traballo como un dos 10 máis importantes publicado en 2023 sobre diabetes e metabolismo da glicosa.
A segunda mención honorífica concedeuse ao equipo que dirixe Marcos Ortega, do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O traballo premiado céntrase no desenvolvemento de novos sistemas máis eficientes baseados na Intelixencia Artificial para mellorar a análise das imaxes médicas. A práctica clinica diaria xera unha ampla cantidade de imaxes e o adestramento supervisado require que sexan etiquetadas, un proceso laborioso que provoca un escenario de escaseza de datos etiquetados. Fronte a este problema, os investigadores lograron, cunha cantidade reducida de datos, mellorar o desempeño dos modelos de IA en numerosas tarefas de alto interese clínico. Os seus avances xa foron explotados e corroborados por expertos de diferentes servizos clínicos nacionais e internacionais, permitindo obter sistemas máis eficientes e eficaces no estudo de diversas patoloxías como a retinopatía diabética, o glaucoma ou a dexeneración macular asociada á idade.