A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, reuniuse con representantes da Academia
A nova directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, recibiu esta mañá na sede da axencia ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema, á súa vicepresidenta, Alicia Estévez, e ao responsable de publicacións e relacións sociais do organismo, Fernando Pérez.
No encontro, a representación da Academia expúxolle á representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP as actividades que desenvolven, así como os seus plans de futuro e conversaron sobre as inciativas que comparten ámbalas dúas entidades. En concreto, a Xunta colabora, entre outros, nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.
A directora de Gain destacou o amplo labor de divulgación da ciencia que realiza a institución a todos os niveis, dende os centros de ensino ata a sociedade en xeral. Salientou así mesmo o importante papel que xoga no recoñecemento a figuras senlleiras da historia da ciencia en Galicia, así como a científicos e científicas actuais en diferentes etapas da súa carreira profesional.
Neste senso, Carmen Cotelo reafirmou o interese da Xunta en seguir sumando esforzos neste ámbito, co obxectivo de facer consciente á sociedade da importancia da ciencia e da tecnoloxía no noso benestar económico e social, así como render homenaxe a aqueles persoeiros que fixeron unha importante achega ao coñecemento e a tecnoloxía xerada na nosa comunidade.