Son investigadores das universidades de Santiago e A Coruña, do CINTECX da Universidade de Vigo e da spin-off viguesa Alice

Recibirán 6.000 euros cada un no acto de entrega de premios que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, no Pazo de San Roque en Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta sétima edición recibíronse un total de 32 propostas para as tres categorías do certame.

O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez González, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez Gómez e Elena Polo Prieto de Gain, Norberto Penedo Rey do IGAPE, e Luis Alfonso Álvarez Sestelo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Vacina para infeccións bacterianas en peixes

O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada, dirixido a recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, recaeu nun proxecto titulado “Utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura”.

O traballo foi realizado por sete investigadores das universidades de Santiago e A Coruña: Manuel Luis Lemos Ramos, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Carlos Jiménez González, Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC); Miguel Balado Dacosta, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Katherine Valderrama Pereira, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC; Antón Vila Sanjurjo, Facultade de Ciencias da UDC; Diego Rey Varela, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); e Jaime Rodríguez González, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC. O xurado valorou a calidade da investigación e a importancia da temática de técnicas de bioloxía molecular para a produción de novas vacinas cara a prevención de enfermidades de peixes en acuicultura mariña.

O desenvolvemento de novas vacinas é unha das principais necesidades da acuicultura para previr brotes de enfermidades infecciosas que limitan seriamente a produción e expansión do cultivo de peixes. Neste traballo, desenvolveuse unha nova vacina contra a enfermidade coñecida como fotobacteriose, unha infección bacteriana de gran relevancia na acuicultura de peixes. Esta nova vacina (do tipo coñecido como vacinas de subunidades) baséase no uso dunha proteína que forma parte da envoltura celular da bacteria que causa a fotobacteriose. A proteína obtívose en grandes cantidades mediante enxeñaría xenética noutra bacteria (Escherichia coli) de uso común no laboratorio. Esta proteína purificada e inxectada nos peixes foi capaz de inducir a síntese de anticorpos e protexelos da fotobacteriose en infeccións experimentais. Os autores están a desenvolver esta mesma tecnoloxía para a prevención doutras infeccións relevantes causadas por diferentes bacterias.

Fabricación de biocerámicas, a partir de dentes de tiburón, para a súa aplicación clínica como enxerto óseo en odontoloxía e traumatoloxía

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “BIOFAST – Biomaterial para rexeneración ósea” do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo (UVigo). Este equipo está formado polos investigadores Pío Manuel González Fernández, Julia Serra Rodríguez e Stefano Chiussi. O xurado valorou o desenvolvemento e transferencia dun produto biomédico innovador cunha excelente aplicación en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial.

Biofast xorde en 2013 como resultado da participación do grupo de investigación no proxecto MARMED (Interreg Atlantic Area) sobre a valorización de subprodutos e descartes da pesca sostible mediante a obtención de produtos biomédicos. O grupo de investigación asegura que é unha satisfacción enorme que os seus resultados científicos poidan redundar nun beneficio directo á saúde e benestar das persoas e, desta forma, retornar á sociedade parte do investimento en I+D ao longo destes anos.

A investigación consistiu en desenvolver un proceso de fabricación de biocerámicas, a partir de dentes de tiburón, para a súa aplicación clínica como enxerto óseo en odontoloxía e traumatoloxía. Trátase do primeiro produto destas características de orixe mariño, cunha composición similar á do óso humano, e que presenta boas propiedades fisicoquímicas que favorecen a osteointegración.

Unha vez concluída la fase investigadora, en 2017 impulsouse o proceso de transferencia de tecnoloxía grazas ao financiamento do programa IGNICIA de Gain que lles aportou recursos económicos e humanos para achegar este produto ao mercado, concluíndo con éxito esta etapa ao asinar o contrato de licenza coa empresa Ziacom Medical.

Solución de verificación de identidade durante o onboarding

Por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics S.L.www.alicebiometrics.com–, xurdida da colaboración co Centro Tecnológico de Telecomunicaciones de Galicia –Gradiant–. O xurado valorou especialmente o carácter innovador da tecnoloxía de identificación de identidade no proceso de rexistro dixital e o éxito temperá no mercado.

Alice Biometrics é unha empresa fundada en xuño de 2019 como spin-off do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo. Nace coa misión de explotar comercialmente a solución de verificación de identidade desenvolta en Gradiant durante máis de oito anos, recibindo o apoio do programa IGNICIA de Gain.

Esta transferencia tecnolóxica permitiu a Alice lanzar un produto comercial en catro meses, pechando os primeiros clientes no 2019 e conseguindo unha facturación acumulada de máis dun millón de euros de 35 clientes en menos de dezaséis meses. Adicionalmente, deuse entrada a un financiamento de dous millóns de euros no 2020 do centro tecnolóxico e tres fondos de investimento, Mundi Ventures, Xesgalicia e Vigo Activo.

O produto Alice comercializa unha solución que permite dar de alta a novos clientes en remoto de forma rápida, automática e segura. Resolve o problema de rexistro online de aquelas entidades que necesitan confirmar a identidade dos seus clientes a través da revisión dos seus documentos de identidade de forma desasistida e segura. Ademais, reduce a cantidade de operacións manuais, custos e tempos de activación, coo que mellora a experiencia do usuario final, quen pode rexistrarse na plataforma que desexe de forma inmediata e sen esperas. En definitiva, Alice é unha tecnoloxía de recoñecemento facial para evitar fraudes como a suplantación de identidades.

Share This