Os premiados nas tres categorías son investigadores das universidades de Vigo e Santiago, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e da spin-off compostelá BFlow
Recibirán 6.000 euros cada un no acto de entrega de premios que se celebrará o 15 de xuño no Pazo de San Roque en Santiago
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta oitava edición recibíronse un total de 19 propostas para as tres categorías do certame.
O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo de GAIN; Judit Nogueiras do IGAPE; e Luis Alfonso Álvarez da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o 15 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Un sistema que mellora o diagnóstico e tratamento dos pacientes con cancro de colon
O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada, dirixido a recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, recaeu nun proxecto titulado “PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning”.
O traballo foi realizado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), liderados por Miguel Reboiro e Daniel González, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
O cancro colorrectal é o de maior incidencia en España, con 18.187 novos casos en mulleres e 26.044 en homes en 2020 e, ademais, vai en aumento. As colonoscopias son unha ferramenta de imaxe clínica esencial para a detección temperá de lesións potencialmente malignas no colon, fundamentalmente pólipos. O diagnóstico e manexo dos pólipos baséase na resección endoscópica e diagnóstico histolóxico posterior.
O equipo galardoado baseouse na Intelixencia Artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais, de xeito que o modelo avisa ao endoscopista durante a exploración da presenza de pólipos pero tamén do tipo de pólipo detectado.
No marco deste proxecto os investigadores crearon un amplo banco de imaxes e vídeos de colonoscopias con información histolóxica e de localización de pólipos que está dispoñible para a comunidade científica a través do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Ferramentas fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade no proceso de descubrimento de novos fármacos
O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica” do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago; integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research. A firma explota unha novidosa tecnoloxía ideada polo equipo para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos.
A radioactividade úsase de xeito masivo e rutinario nas etapas preclínicas de descubrimento de fármacos para avaliar millóns de compostos, co obxectivo de identificar os novos candidatos a fármacos. Nos últimos anos, debido aos estritos requisitos de seguridade asociados ao uso da radioactividade, os seus elevados custos e o impacto ambiental, popularizouse o uso de ensaios biolóxicos baseados na fluorescencia. Pero o seu uso segue a ser baixo debido á limitada disponibilidade de ligandos fluorescentes.
A tecnoloxía desenvolta pola USC permite que as técnicas baseadas na fluorescencia sexan unha opción real, obtendo sondas fluorescentes con propiedades farmacodinámicas e foto-físicas óptimas en tempos relativamente curtos e a prezos competitivos. Fronte aos ligandos radioactivos, os fluorescentes son totalmente seguros e non tóxicos. Este tipo de servizo non o ofrece ningunha outra empresa do sector; xa teñen unha patente europea, en proceso de extensión internacional. Durante o seu primeiro ano de vida, Celtarys consolidouse como a única compañía europea dedicada en exclusiva ao desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para screening de fármacos, con clientes Suíza, Reino Unido, EEUU ou Corea.
Tecnoloxía para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos
Por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off BFlow S.L. -https://b-flow.es-. Nace en maio de 2020 froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da Universidade de Santiago e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada.
A empresa conta cunha tecnoloxía punteira que se está a enriquecer co desenvolvemento de proxectos de I+D propios e en colaboración con entidades de referencia complementarias, que permite unha gama de de produtos especificamente adaptados ás necesidades da industria farmacéutica a escala internacional. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.
Os dispositivos e solucións microfluídicas desenvoltos pola empresa permiten probar os fármacos en fases in vitro imitando a fisioloxía dos animais, discriminando nunha etapa temperá aquelas moléculas que non funcionarán cando se levan ás fases clínicas. Esta tecnoloxía dará solución tamén aos retos actuais de detección de pequenas concentracións de substancias en tempo real nos sectores da ecoloxía, enerxía e agroalimentario.