Os “Premios de Investigación UIE – RAGC para Jóvenes Investigadoras e Investigadores” estarán dotados con 5000 euros e cubrirán as áreas de ciencias sociais, básicas e técnicas
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) asinaron un convenio para a creación dun certame de promoción do talento investigador en Galicia. Estes novos galardóns, os “Premios de Investigación UIE-RAGC para Jóvenes Investigadoras e Investigadores”, serán de periodicidade bienal e recoñecerán o esforzo que nos campos das ciencias técnicas, básicas e sociais desenvolve a mocidade investigadora nos centros galegos e que contribúe ao avance do coñecemento científico. Ao acto de rúbrica asistiron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, e o presidente da RAGC, Juan Lema.
Miguel Ángel Escotet resaltou que “é moi importante sinalar o compromiso da UIE coa investigación básica e aplicada, e, especialmente, cos mozos investigadores. Formación, investigación e servizo social e cultural á comunidade son obxectivos que están insertos no noso ADN”. O reitor recalcou que este certame “está enfocado a dar recoñecemento público e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros de investigación en Galicia, e que contribúen co seu labor ao impulso do coñecemento científico como motor indispensable de progreso social”.
Pola súa parte, Juan Lema sinalou: “Pretendemos recoñecer o traballo dos investigadores novos máis brillantes e estimular a súa traxectoria”. Nesta liña, salientou que se busca “pór en valor e dar ánimos a todas aquelas investigadoras e investigadores que se atopan nos comezos da súa carreira, aínda que xa desenvolta, pero na primeira etapa, e para que poidan centrarse en abordar un proxecto ambicioso mentres contan co recoñecemento que todo galardón implica. E, para iso, a colaboración da UIE é fundamental porque se trata dunha universidade que aposta pola calidade e a xente nova, e isto é o que necesitamos impulsar”.
Os premios terán unha dotación de 5000 euros por cada rama de coñecemento de ciencias sociais, básicas e técnicas. Dentro do campo das ciencias básicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento da ciencia básica en Galicia en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas e a bioloxía. Por outro lado, premiarase o impacto da investigación no desenvolvemento das ciencias sociais na nosa comunidade nos eidos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social. Por último, na rama das ciencias técnicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico en calquera das súas áreas, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade.
As persoas que poden concorrer a estes premios deben ser menores de 40 anos (ampliados a 42 en casos debidamente acreditados, recollidos e detallados nas bases) e precisarán contar cunha destacada contribución á creación do coñecemento, na que se valorará especialmente a calidade, a orixinalidade e o impacto resultante. Así mesmo, serán criterios puntuables a internacionalización, a capacidade de liderado, a capacidade formativa avaliada e a habilidade para a divulgación do coñecemento científico ao conxunto da sociedade.