Diríxese á comunidade universitaria da USC e o prazo para presentarse a este certame remata o 8 de novembro
A RAGC e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o X Concurso “A Ciencia en imaxe”, no marco das celebracións da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias. Este certame diríxese á comunidade universitaria da USC.
Neste concurso prémianse fotografías divulgativas de calquera contido relacionado coas Ciencias: conceptos fundamentais, persoal científico, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación… Ademais, nesta edición engádese unha nova categoría de carteis divulgativos que leva o nome de Domingo Fontán.
A autoría das instantáneas debe ser individual, mentres que a dos carteis pode ser individual ou grupal. Poderán concederse ata dous premios por categoría, un primeiro galardón de 200 euros e un segundo de 100 €. O xurado poderá conceder así mesmo unha ou máis mencións de honra.
Inscrición
O prazo para inscribirse no concurso estará aberto ata o 8 de novembro. O rexistro é gratuíto, para o que cómpre enviar o formulario de inscrición (que se pode descargar da páxina web da USC, onde tamén se poden consultar as bases) e o arquivo coa fotografía ou cartel divulgativo ao enderezo de correo matematicas.acienciaenimaxe@usc.gal. No asunto indicarase “A Ciencia en imaxe: fotografía” ou “A Ciencia en imaxe: cartel”, en función da categoría na que se participe.
Cada participante poderá presentar unha única achega en cada categoría, dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. As contribucións deben ser orixinais, inéditas (non publicadas en ningún medio de comunicación, mesmo dixital), non presentadas en edicións anteriores deste certame e non premiadas noutros concursos. Cada obra deberá acompañarse dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión.
As fotografías deben presentarse en formato JPG e ter un máximo de 5 MB, non poderán ser retocadas electronicamente e tampouco se admiten fotomontaxes. No caso dos carteis, poderán realizarse en papel ou en formato dixital. De facerse en papel, deberán estar dixitalizados, e poderán conter fotografías ou elementos gráficos de autoría propia ou de terceiros, sempre que dispoñan dos dereitos correspondentes para a súa utilización.
Os premios entregaranse o 14 de novembro no acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno
O xurado do concurso de fotografía estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, e podería contar coa asesoría dunha persoa experta en imaxe. Tamén será membro do xurado a decana da facultade de Matemáticas, que actuará como presidenta. Na modalidade de Carteis ‘Domingo Fontán’, o xurado estará composto por estudantado de cada un dos centros organizadores e unha representación da RAGC, baixo a presidencia da decana de Matemáticas.
Para valorar as obras presentadas, os xurados terán en conta a orixinalidade das propostas, a súa estética, capacidade comunicativa, calidade e adecuación á temática do concurso. Os premios entregaranse o 14 de novembro na Aula Magna da facultade de Matemáticas durante o acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno.
O fallo do xurado publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e na páxina web da facultade de Matemáticas.