Diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago e á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato
O prazo para presentarse a este certame remata o vindeiro 6 de novembro
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o IX Concurso “A Ciencia en imaxe”, no marco das celebracións da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias. Este certame diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago e, como novidade desta edición, tamén á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato.
Neste certame prémianse fotografías e vídeos divulgativos de calquera contido relacionado coas Ciencias: conceptos fundamentais, científicos/as, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación… A autoría das instantáneas debe ser individual mentres que a dos vídeos pode ser grupal. Poderán concederse ata dous premios por categoría: na de fotografía un primeiro galardón de 200 euros e un segundo de 100 €; e na de vídeo divulgativo haberá un primeiro premio de 250 € e un segundo de 125. O xurado poderá conceder así mesmo unha ou máis mencións de honra.
O prazo para inscribirse no concurso vai do 24 de outubro ao 6 de novembro. O rexistro é gratuíto, para o que cómpre enviar o formulario de inscrición (que se poderá descargar no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/anuncio/117768/carga.htm, onde tamén figuran as bases) e o arquivo coa fotografía ou vídeo divulgativo á dirección de correo fisica.acienciaenimaxe@usc.es. No asunto indicarase “A Ciencia en imaxe: fotografía” ou “A Ciencia en imaxe: vídeo”, en función da categoría na que se queira participar.
Cada participante poderá presentar unha única aportación en cada categoría, dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. As contribucións deben ser orixinais, inéditas (non publicadas en ningún medio de comunicación, mesmo dixital), non presentadas en edicións anteriores deste certame e non premiadas noutros concursos. Cada obra deberá acompañarse dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión do/a autor/a.
As fotografías deben presentarse en formato JPG e ter un máximo de 5 MB, non poderán ser retocadas electronicamente e tampouco se admiten fotomontaxes. Pola súa parte, os vídeos divulgativos terán unha duración máxima de 3 minutos e enviaranse en formato .mp4; poden empregarse todo tipo de recursos audiovisuais sempre que non se violen os dereitos de autor.
Os premios entregaranse o 15 de novembro no acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno
O xurado estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias e podería contar coa asesoría dun experto en imaxe. Ademais, serán membros do xurado a decana e o secretario da facultade de Física, ou persoas nas que deleguen, que actuarán como presidenta e secretario respectivamente.
O fallo do xurado publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e na páxina web da facultade de Física (https://www.usc.gal/es/centro/facultad-fisica). Os premios entregaranse o 15 de novembro na Aula Magna da facultade de Física durante o acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno.