Científicas das tres universidades galegas impartirán charlas sobre bacterias comeplásticos, Intelixencia Artificial, revolución alimentaria e a aplicación das matemáticas á vida
- Son actividades que forman parte do segundo bloque temático do ciclo “Aida Fernández Ríos”
- A primeira sesión será o luns 29, ás 16:30 horas no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra inician o luns, 29 de novembro, o segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo. Celebraranse cinco conferencias presenciais en institutos de secundaria e bacharelato de Tui, Bueu, O Grove e Silleda.
Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.
Bacterias que degradan os microplásticos
A primeira charla celebrarase o luns, 29 de novembro, no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, ás 16:30 horas. Un grupo de 25 alumnas e alumnos da rama científica, tecnolóxica e biosanitaria de 1º de bacharelato asistirán á conferencia sobre bacterias comeplásticos que impartirá a profesora e investigadora distinguida no Centro Singular de investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, Sabela Balboa Méndez.
Segundo explica a investigadora, as bacterias viven en todos os ambientes coñecidos, desde o polo ata o deserto e en cada ambiente evolucionan para ser capaces de alimentarse das substancias que atopan. Destaca que cada ano xeramos máis de 12 toneladas de plásticos que acaban no mar. Moitos destes plásticos son ‘invisibles’, os chamados microplásticos, partículas de plástico minúsculas que proceden da rotura doutros plásticos ou dalgúns produtos que se usan a diario como a pasta de dentes. “Hai bacterias que son capaces de vivir sobre os plásticos e ‘comelos’, e por tanto degradalos” –sinala–. Na charla falará de como buscar estas bacterias que poden degradar os plásticos e conseguir así unha forma de eliminalos do medio ambiente.
Amparo Alonso, catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña : “A Intelixencia Artificial é unha revolución, a tecnoloxía que máis está a contribuír a definir a nova sociedade superintelixente do futuro”
O xoves 9 de decembro celebrarase unha nova charla no IES illa de Ons de Bueu, ás 11:55 horas. Nela participarán 32 alumnas e alumnos de 4º da ESO que asistirán a un relatorio titulado “A intelixencia artificial non é ciencia ficción”, impartido pola catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e expresidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos.
“A Intelixencia Artificial é unha revolución, a tecnoloxía que máis está a contribuír a definir a nova sociedade superintelixente do futuro” –argumenta–. Alonso Betanzos destaca que na charla explicará que é a Intelixencia Artificial, cales son os seus usos e as súas metas, tecnoloxía presente practicamente en calquera campo, e tamén cales son algúns dos problemas abertos e as limitacións actuais.
“A tecnoloxía é cada vez máis interdisciplinar, e a Intelixencia Artificial necesita para o seu desenvolvemento non só enxeñeiros e científicos, senón tamén profesionais das áreas de Humanidades, para que todos podamos contribuír ao desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial que sexa boa para as persoas” –apunta–.
Ademais, a catedrática asegura que esta tecnoloxía está a cambiar o emprego, a educación e a forma que as persoas teñen de relacionarse na sociedade, polo que na conferencia expoñerá algunhas ideas para poder enfrontar un futuro cambiante e apaixonante.
Isabel Medina, profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas e académica: “A evidencia científica demostra que o consumo de peixe e produtos do mar é un elemento esencial nas dietas que axudan a mellorar a saúde e previr enfermidades dun xeito personalizado”
“Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos”é o título da conferencia que impartirá a profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), coordinadora Nacional da Área de Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos do CSIC e académica numeraria da RAGC, Isabel Medina Méndez, o venres, 10 de decembro, no IES Monte da Vila do Grove ás 11:35 horas. Un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de bacharelato do centro asistirán á charla.
A historia da humanidade está unida á historia dos alimentos. Medina explica que as eleccións alimentarias, xunto cos cambios climáticos, provocaron importantes variacións –a nivel anatómico e fisiolóxico–no organismo dos seres humanos. En concreto, destaca que a abundancia de peixe e algas nas zonas costeiras axudou ao desenvolvemento da capacidade cerebral nos homínidos, grazas aos seus ácidos graxos omega-3, compoñentes do cerebro e fundamentais para a saúde humana, xa que “o peixe forma parte da nosa gastronomía e cultura”.
Isabel Medina sinala que nas sociedades modernas, con moitos recursos para obter alimentos con pouco esforzo, a prevalencia de malos hábitos de consumo asóciase a unha alta incidencia de enfermidades metabólicas como a diabetes e a obesidade, e enfermidades cardiovasculares que son unha das causas fundamentais da mortalidade actual. “A evidencia científica demostra que o consumo de peixe e produtos do mar é un elemento esencial nas dietas que axudan a mellorar a saúde e previr enfermidades dun xeito personalizado” –indica–.
Matemáticas para un mundo mellor
A decana da Facultade de Matemáticas e profesora de Matemática Aplicada da USC; Elena Vázquez Cendón, será a encargada de impartir a charla titulada “As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra”. A conferencia celebrarase o luns, 13 de decembro, ás 9:40 horas no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Asistirán un grupo de 42 alumnas e alumnos de 1º de bacharelato.
O obxecto desta charla é compartir co alumnado matemáticas próximas. A motivación da investigación de Elena Vázquez nace de coñecer as mareas na ría de Pontevedra. Compartirá cos alumnos a colleita matemática que aprendeu e que serviu para aplicar a outras partes do planeta, acuñando o lema “Matemáticas para un mundo mellor” do proxecto Marzo, mes das matemáticas (http://marzomates.webs.ull.es/).
Vacinación, medida preventiva para enfermidades
A catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo), África González Fernández, impartirá o luns, 20 de novembro, a conferencia “Potencia as túas defensas: Vacínate!” no IES Johan Carballeira de Bueu ao que asistirán alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato. Segundo sinala África González, a vacinación é a medida preventiva máis eficaz, que prevé enfermidades, secuelas e mortes. A charla describirá que é a vacinación, que pretende facer e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno, como o SARS-CoV-2.