Abordaranse temas como a recuperación da paisaxe tras un incendio, o valor da biodiversidade, a compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro ou os monumentos naturais, entre outros

Desenvolveranse do 14 ao 23 de novembro no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo

A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran as “XXXIII Xornadas Luis Asorey”, centradas nesta edición en “O capital natural e os servizos ecosistémicos. A nova base da economía”. Desenvolveranse do 14 ao 23 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. Explica que “o capital natural é o conxunto dos recursos naturais, tanto renovables como non renovables, que ofrecen beneficios á sociedade. O aproveitamento do capital natural ofrece uns bens que posibilitan o progreso económico e social, pero ese capital tamén nos proporciona unhas externalidades ou servizos ecosistémicos que son moi importantes, como a polinización, a mitigación do cambio climático a través do secuestro de carbono, a produción de osíxeno, a filtración da auga e do aire mellorando a súa calidade, o control da erosión, a paisaxe, a conservación da biodiversidade…”.

O catedrático sinala que “podemos diferenciar catro tipos de capital natural: renovable, como os ecosistemas e os seus compoñentes vivos, non renovable, como os minerais e os combustibles fósiles, recuperable, como os acuíferos ou os solos fértiles, e cultivado, como os sistemas agropecuarios e silvícolas”. Así, estas xornadas centraranse na análise dalgúns aspectos do capital natural, dando importancia aos servizos máis importantes, como son a paisaxe, o sumidoiro de carbono, a conservación de chans, a calidade das augas ou a conservación da biodiversidade, entre outros.

O obxectivo principal das xornadas é dar a coñecer e poñer en valor estes bens e as externalidades: a restauración do capital natural tralos incendios forestais, os servizos ecosistémicos da Rede Natura 2000, os servizos ambientais na nova Política Agraria Común, a paisaxe, a compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro, a biodiversidade, os servizos ecosistémicos dos sistemas agroforestais ou o valor de monumentos naturais como son as árbores senlleiras.

Este ciclo diríxese a profesores, estudantes e titulados universitarios de Bioloxía e Enxeñería Forestal e Agronómica e de ciclos formativos de ramas agrarias, forestais e de medio ambiente. Tamén se enfocan a técnicos da administración forestal e agraria, persoal de empresas relacionadas con estes campos, silvicultores, agricultores e gandeiros. Está aberto ademais a calquera persoa interesada nestas temáticas.

Programa do ciclo

A primeira conferencia terá lugar o luns 14 e versará sobre os lumes e as accións postincendios, e impartiraa María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago e Académica Numeraria electa da RAGC. O día 15 Mario Soliño, científico do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, abordará a valoración económica das externalidades da Rede Natura en Galicia. O 16 tratarase a nova Política Agraria Común (PAC), da man do profesor de Economía Aplicada da USC Edelmiro López. O 17 de novembro o tema será a manipulación das externalidades, a través dunha conferencia de Luis Díaz, catedrático da Escuela Técnica Superior de Ingeniería de Montes, Forestal y del Medio Natural da Universidad Politécnica de Madrid.

O 21 celebrarase unha mesa redonda en torno a “O valor dos servizos ecosistémicos”, moderada polo coordinador das xornadas, Antonio Rigueiro. Na transcurso da mesma abordarase o valor da paisaxe, a compensación por CO2 e o valor da biodiversidade. Participarán Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia (AFG); e Emilio Díaz, profesor de Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

A xornada do 22 de novembro centrarase nos servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais, coa intervención de Rosa Mosquera, catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. O ciclo rematará o día 23, cunha conferencia do catedrático Antonio Rigueiro sobre árbores senlleiras de Galicia.

INSCRICIÓN GRATUÍTA

VER PROGRAMA

Share This