No marco das celebracións da “Noite Galega das Persoas Investigadoras 2024. G-Night”, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), promoveu unha conferencia baixo o título «O metro patrón calculado por un galego do século XIX». José Rodríguez foi nomeado pola RAGC como “Científico Galego do Ano”, polo que se están a desenvolver unha serie de actividades destinadas a achegar ao conxunto da sociedade a súa figura e a súa importante contribución en diferentes ámbitos. A conferencia tivo lugar na sala de conferencias da sede de Afundación en Santiago e impartiuna o matemático e investigador da Universidade da Coruña Xabier Pérez Couto.
José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) é coñecido como “o Matemático de Bermés” por ter nacido da parroquia lalinense ou como “Matemático Rodríguez”. Foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes aportacións non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía.
Os seus múltiples contactos permitíronlle acceder a varias universidades europeas, en particular como docente de Astronomía. En 1806 foi nomeado comisario español na expedición internacional cuxa misión era medir o meridiano de Dunkerque a Barcelona. Esta medición foi fundamental para o establecemento da unidade de medida de lonxitude, o metro, a partir da cal se establecerían as unidades do resto de magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Deste xeito, pasouse de máis de 700 sistemas de medida a un sistema único.
En 1789 un grupo de científicos propúxose convencer ao mundo das vantaxes dun sistema común de medidas baseado na natureza. E, así, decidiuse que a medida correspondente á décima millonésima parte do cuadrante do meridiano que pasa por París se tomaría como unidade de lonxitude. Mediron o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona. En 1799 decretouse en Francia que a lonxitude calculada sería a nova unidade, á que se chamou metro.
En 1802, unha segunda expedición, fixou o obxectivo de ampliar o arco ata as Baleares.
Rodríguez enviou desde París á Universidade de Santiago un metro en cobre subdividido en milímetros, que na actualidade se custodia na facultade de Física
En 1808 Rodríguez presentou unha memoria sobre o labor realizado, indicando: “La unidad fundamental en un sistema invariable debe tomarse en las que presenta la naturaleza y entre esta merece la preferencia la diezmillonésima parte del cuadrante del meridiano terrestre; bien conocido hoy en día por las últimas medidas hechas en Francia y en España. Todos los pueblos civilizados adoptarán probablemente esta medida física, como tipo de las que se emplean en los usos comunes. Por otra parte, esta diezmillonésima parte, a la que se dio el nombre de Metro, no es demasiado larga ni corta, y se presenta con facilidad a todos los usos”. En España a adopción do metro como unidade de referencia tivo lugar o 19 de xuño de 1849, aínda que non se aplicou de maneira xeralizada ata 1895.
O Matemático Rodríguez enviou á Universidade de Santiago unha serie de instrumentos científicos, que consideraba fundamentais para “la enseñanza pública”. Entre este material atopábase un metro en cobre subdividido en milímetros, procedente de París, que na actualidade se custodia na facultade de Física da USC.
Rodríguez contribuíu ademais a demostrar que a Terra é achatada nos Polos
O investigador Xabier Pérez Couto salienta que “podemos considerar a José Rodríguez como o primeiro científico galego no sentido moderno do termo”. Del destaca que “como Bachiller en matemáticas, chegou rapidamente a ser profesor de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago sen ter sequera o título de doutor, debido ao talento que amosou ante o tribunal da oposición”.
Pérez pon de relevo que, “ademais deste traballo que permitiu establecer o metro como unidade de medida universal, pode que a maior contribución do Matemático de Bermés fose a demostración empírica, mediante cálculos matemáticos baseados nas observacións, de que a Terra, lonxe de ser unha esfera perfecta, se atopa achatada nos Polos. Este feito, que probaría a hipótese teórica xa adiantada por Isaac Newton sobre a forma da Terra, publicouno a Royal Society de Londres no ano 1812”.