A investigadora Carmen Villanueva, que realizou a súa tese de doutoramento sobre José Rodríguez, ofreceu unha conferencia en “Os Luns do Ateneo”

A RAGC elixiu ao matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) como “Científico Galego de 2024”, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. Para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade, vanse programar unha serie de actividades ao longo deste ano. No marco de “Os Luns do Ateneo” celebrouse unha conferencia da investigadora Carmen Villanueva, licenciada en Química pola USC e doutora en Física Aplicada. Presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo en 2023 sobre o matemático Rodríguez, co título “José Rodríguez González (1770-1824), matemático, geodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico por Europa”. Dirixiuna o catedrático de Astronomía da USC José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

Carmen Villanueva localizou información descoñecida ata o momento sobre o matemático Rodríguez

A investigadora salienta que José Rodríguez pode considerarse como “o primeiro gran cientifico galego”. Lembra que naceu en Bermés, unha parroquia de Lalín no interior da Galicia rural. “Destinado pola súa familia á vida relixiosa, a súa mente inqueda, a súa intelixencia e as relacións establecidas durante a súa etapa de estudante na Universidade de Santiago levárono a tomar un camiño diferente. En 1801 gañou a cátedra de Matemáticas da Universidade compostelá e dous anos máis tarde partiu cara a París para ampliar estudos. Estudou matemáticas, astronomía, xeodesia e mineraloxía en Francia, Inglaterra e Alemaña con persoeiros da categoría de P. S. Laplace, J. B. Biot, F. Gauss ou A. G. Werner” -apunta Villanueva-.

Catedrático de Matemáticas Sublimes, participou na expedición francesa para medir o meridiano entre Barcelona e Baleares co obxecto de definir o metro coa maior precisión. En 1812 un artigo seu publicado en Philosophical Transactions, revista da Royal Society de Londres, provocou unha gran controversia no país, o que o fixo coñecido en toda Europa. En 1819 foi nomeado profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales de Madrid e director do Real Observatorio da cidade. Ademais, entre 1820 e 1822 foi deputado en Cortes por Galicia.

Villanueva elaborou unha ampla biografía científica, política e persoal de José Rodríguez. Para a realización da súa tese de doutoramento, a investigadora sinala que foi fundamental a información obtida da transcrición das arredor de cen cartas escritas por José Rodríguez ou relacionadas con el que se conservan no Arquivo Histórico Universitario de Santiago. “Outros arquivos como o do Museo de Ciencias Naturales de Madrid, o General de la Marina de Viso del Marqués (Ciudad Real), o Arquivo Nacional de Francia de París ou o da Royal Society londinense permitíronme localizar información descoñecida ata o momento” -apunta-.

“O matemático Rodríguez faleceu en Santiago de Compostela o 30 de setembro de 1824 e foi sepultado na igrexa de San Agustín. Científico moi pouco recoñecido, tanto en Galicia como no resto de España, é o momento de poñer en valor as súas valiosas contribucións” -manifesta a investigadora-.

Share This