O académico de honra da RAGC Federico Mayor Zaragoza acaba de falecer aos noventa anos de idade. Foi ministro de Educación e Ciencia e director xeral da Unesco. Tamén ocupou o cargo de reitor na Universidad de Granada e a vicepresidencia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Mayor Zaragoza naceu en Barcelona en 1934 e foi doutor en Farmacia pola facultade da Universidad Complutense de Madrid. Posteriormente converteuse en reitor da Universidade de Granada, cargo que desempeñou entre 1968 e 1972. En 1971 foi nomeado vicepresidente do CSIC e logo ocupou o posto de presidente en funcións. Cofundou o Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.

Na súa carreira política foi unha figura fundamental da transición e destacou como subsecretario de Educación e Ciencia do Goberno presidido por Carlos Arias Navarro durante a ditadura franquista. Foi deputado no Parlamento de España por UCD nas primeiras eleccións e deputado no Parlamento Europeo por CDS.

Ademais, foi presidente da Fundación Cultura de Paz. Tamén foi director do Consello Científico da Fundación Ramón Areces, copresidente do Instituto Universitario de Derechos Humanos, Democracia y Cultura de Paz y No-violencia e presidente da Asociación Española para el Avance de la Ciencia.

Share This