Foto: La Voz de Galicia
A académica Marisol Soengas acaba de recibir o Premio Fernández Latorre, que concede a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para distinguir a persoas ou institucións que contribúen a que o mundo sexa mellor. O xurado valorou a súa “brillante traxectoria e prestixio” na loita contra o melamona, en particular desde o Centro Nacional de Investigación Oncológica (CNIO), onde dirixe o Grupo de Melanoma. É unha das referentes mundiais neste campo, logrando notables progresos no coñecemento desta enfermidade para poder combatela con terapias innovadoras.
Marisol Soengas é unha das científicas españolas máis influentes e recoñecidas a nivel mundial na investigación sobre o cancro de pel. Ademais, destaca o seu compromiso en defensa do liderado das mulleres na ciencia e da necesidade de incrementar o investimento en I+D+i.
Soengas preside a Asociación Española de Investigación contra el Cáncer e é membro da European Molecular Biology Organization. Formouse no Centro de Biología Molecular Severo Ochoa, no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York e na Universidade de Michigan. Os seus traballos téñense publicado nas revistas científicas máis prestixiosas como Nature, Nature Medicine, Cell, Cancer Cell ou Science, entre outras.