A directiva ao completo da RAGC, encabezada polo seu Presidente, D. Juan Lema, visitou hoxe ao Presidente de Galicia, D. Alberto Feijoo, na súa residencia oficial. Á entrevista asistiu tamén o Conselleiro de Economía e Industria.
Juan Lema anticipou o contido do seu artigo que proximamente aparecerá publicado en La Voz de Galicia pedindo un “Pacto pola Ciencia en Galicia”, que comprometa aos axentes sociais, políticos e económicos galegos no apoio á Ciencia e Tecnoloxía, cunha forte aposta pola atracción de talento, como mecanismo para evitar a desaceleración que sofre a rexión na súa actividade investigadora.
O Presidente Feijoo e o Conselleiro Conde agradeceron a iniciativa da RAGC e solicitaron datos homologables aos da Comunidade Galega para poder establecer un diagnóstico. O Presidente da RAGC comprometeuse a facerlles chegar un informe no que se analice a progresión da produción científica galega en comparación con universidades de España, o Norte de Portugal e outros países europeos.