Nun acto, celebrado no Salón nobre de Fonseca, presidido pola Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, os Reitores das Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e a Vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, foron premiados 20 proxectos de investigación (9 da USC, 7 da UVigo e 3 da UdC), financiados por diversas institucións como o Instituto de Salud Carlos III, Axencia Galega de Innovación (GAIN), Fondo Supera-Covid, Fundación Amancio Ortega, Sergas, Tragsa, Augas de Galicia e EdardeBens, realizados nas tres Universidades Galegas.
O presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio subliñou que “A Ciencia Galega soubo estar á altura das circunstancias, respondendo cun gran dinamismo e ilusión, fronte a crise e amosando unha extraordinaria vocación de servizo á Sociedade, o que demostra unha vez mais a necesidade de manter un tecido científico de calidade”.
Os proxectos encadráronse en seis diferentes áreas. Na primeira, na que se procura unha detección precoz da infección mediante o análise das augas residuais, realízanse os proxectos liderados por Margarita Poza, Claudio Cameselle, Jesús Lopez Romalde e Juan M. Lema. Avalíase a carga de material xenético do virus nas depuradoras de augas e nos colectores municipais de un total de 20 cidades e vilas de Galicia.
Mediante a modelización matemática, nos proxectos de Iván Area, Jorge Mira, Angel Miramontes e Ricardo Cao preténdese determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. Os modelos resultan de grande interese á hora de valorar o impacto potencial de diferentes medidas preventivas que se podan tomar.
Na terceira área, orientada a novas vacinas, presentáronse os proxectos dirixidos por María José Alonso , que busca unha estratexia mellorada para a dosificación da vacina mediante nanotecnoloxía , e por Javier Montenegro e José M. Martinez Costas que aplican conceptos orixinais para desenvolver vacinas fronte ó SARS-Cov2.
O traballo de Angel Carracedo, encadrado na área de “Biomedicina” pretende encontrar determinantes xenéticos de risco e biomarcadores xenómicos de resposta e o de David Posada pretende avaliar a modificación xenética do virus ó longo do tempo. Por outra banda, Federico Mallo realiza un ensaio clínico para o tratamento da neumonía provocada polo virus.
Para mellorar a eficiencia, precisión e rapidez dos procesos de diagnose de persoas infectadas pola covid-19 o traballo de Jorge Pérez Juste propón metodoloxías innovadoras para novos procedementos de detección e os de Jacobo Porteiro e Marcos Ortega desenvolven sistemas baseados en intelixencia artificial para axilizar os análises, clasificar mellor os pacientes, estimando a súa gravidade e predicindo a súa evolución.
Finalmente no bloque destinado á desactivación do virus, Juan M.Garrido explicou o desenvolvemento do procedemento e a produción de 20.000 botellas de hidroxel para o Sergas, Fermín Navarrina, sobre a destrución da la cápside do virus mediante resonancia e Higinio González presentou un sistema de desinfección mediante dispersión de líquidos e sistemas aéreos non tripulados.
O Reitor da USC agradeceu, en nome das tres Universidades, o esforzo dos investigadores para traballar, baixo unha grande presión e en condicións moi difíciles, tratando de poñer en valor a ciencia como resposta ás demandas da sociedade. Finalmente, a Conselleira de Educación, Universidades e Formación profesional puxo de relevo os resultados das políticas do goberno galego para o financiamento de grupos, agrupacións estratéxicas e centros de investigación universitaria en Galicia e en aproveitar o momento de prestixio social cara á ciencia para conseguir un recoñecemento ao labor silencioso dos investigadores.