A Casa de Galicia en Madrid súmase aos actos de homenaxe da Real Academia Galega de Ciencias ao “Matemático Rodríguez”, nomeado Científico Galego de 2024 pola RAGC. Acolleu a conferencia “José Rodríguez González. Un alento renovador da ciencia galega”, que impartiu o catedrático da Universidade de Santiago Francisco Díaz-Fierros. Ao acto asistiron ademais o  presidente da RAGC, Juan Lema; e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luís Ramos.

Na súa intervención, o catedrático referiuse ao homenaxeado como “un sabio, de sona internacional, ao que lle foron ofrecidos postos relevantes desde Arxentina e Rusia, considerado o introdutor da ciencia moderna na Universidade de Santiago e tamén en Galicia”.

Salientou que o matemático José Rodríguez (Bermes, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) foi un adiantado da súa época, o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional, cun perfil liberal e modernizador.

A Casa de Galicia en Madrid acolle ademais a exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”, onde permanecerá ata o 28 de febreiro. A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín.

A exposición amosa como o neno labrego de Lalín se converteu en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e despois a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago.

Dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824.

Share This