A académica e secretaria da RAGC Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica, asumirá a vicerreitoría de Política Científica da Universidade de Santiago. Tomará posesión do seu cargo na última semana deste mes de setembro.
A que fora a primeira muller decana da facultade de Química da USC completou a súa formación na Universidade de Plymouth (Reino Unido) e é a investigadora principal do grupo ‘Elementos traza, espectroscopía e especiación’ da universidade compostelá. Foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na Área de Química, da rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e do programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme).
Ao longo da súa traxectoria, Pilar Bermejo desenvolveu abundantes actividades encamiñadas a mellorar a percepción social da Química e distintas responsabilidades de xestión na súa facultade, da que ademais de decana tamén foi vicedecana entre 1980 e 1990. Así mesmo, dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006.