No marco da XVI Reunión Científica de la Sociedad Española de Astronomía, que tivo lugar no Parque de las Ciencias de Granada, a SEA celebrou a súa asemblea xeral, na que se elixiu á académica da RAGC Minia Manteiga como a súa nova presidenta para os vindeiros catro anos. É catedrática de Astronomía e Astrofísica na Universidade da Coruña, onde forma parte dun grupo que dende hai anos contribúe á elaboración do arquivo da misión Gaia, creando ferramentas para a análise e explotación dos datos do satélite.
A súa traxectoria profesional comezou no Instituto de Astrofísica de Canarias, onde realizou a súa tese de doutoramento en evolución estelar mediante o estudo de cúmulos estelares. Foi investigadora posdoutoral no Istituto di Astrofísica Spaziale en Frascati (Roma) e no Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental (LAEFF, INTA), xerme do actual Centro de Astrobiología. Posteriormente trasladouse á universidade, sendo docente na Universidade de Vigo para logo pasar á Universidade da Coruña, onde traballa na actualidade.
En 2020 foi nomeada académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias, desde onde realiza unha actividade intensa de divulgación da astronomía en Galicia. Foi colaboradora da Axencia Estatal de Investigación na subárea Espazo, e actualmente é coordinadora da subárea Astronomía e Astrofísica.
“Asumo o reto de presidir a Sociedad Española de Astronomía con agradecemento pola confianza da sociedade e con ganas de continuar co labor de afianzamento do noso colectivo como unha sociedade cohesionada que achega aos seus socios e socias instrumentos para compartir a ciencia do ceo, incidindo especialmente en prestar apoio ao persoal investigador novo” -afirmou ao aceptar o novo cargo-. Minia Manteiga era ata o de agora vicepresidenta da SEA.