É xefa do Grupo de Melanoma do CNIO e unha recoñecida experta neste eido
A académica da RAGC Marisol Soengas é a nova presidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (Aseica), organismo que dirixirá durante os vindeiros dous anos.
“A I+D+i en oncoloxía é deficitaria, o desenvolvemento profesional dos investigadores e investigadoras en cancro segue a ser unha carreira de obstáculos, particularmente para os mozos. As mulleres séguense enfrontando a múltiples barreiras que limitan o seu liderado, e a integración da ciencia básica e clínica en moitos centros hospitalarios é altamente complicada”, sinala Soengas. “O obxectivo da Aseica é contribuír de forma proactiva a superar todas estas deficiencias. Os grupos de traballo Aseica-Joven, Aseica-Mujer, Aseica-Med e Aseica-Aprende son referentes en accións reivindicativas, de visibilización e formación, e o compromiso da nova xunta directiva é potenciar o seu impacto a nivel nacional e internacional”, engade.
Soengas é xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) e unha experta amplamente recoñecida neste eido. Entre os fitos do seu laboratorio inclúense a identificación de distintos factores pro-oncozénicos que definen os chamados ‘sinais de identidade do melanoma’ e que o distinguen de máis de 25 tipos de cancro. Ademais, o seu grupo desenvolveu modelos animais que permiten visualizar o inicio e progresión do melanoma desde fases moi temperás. Publicacións de alto impacto do seu equipo inclúen tamén novos mecanismos de inmunoresistencia con distintas implicacións clínicas. Os seus traballos publicáronse en revistas científicas de prestixio como Nature, Nature Medicine, Cell, Cancer Cell ou Science, entre outras.
“A vocación de Aseica é ser útil aos investigadores e investigadoras en cancro, en calquera fase do seu desenvolvemento profesional e en calquera ámbito da oncoloxía. O noso obxectivo global é contribuír a mellorar a prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades oncolóxicas”, indica.