O xurado recoñeceu o “seu brillante labor na transferencia e divulgación da ciencia á sociedade”
A X edición dos premios á innovación do Foro de Empresas Innovadoras (FEI), na categoría ao recoñecemento innovador individual, destacou o traballo da académica da RAGC María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago.
O xurado puxo de relevo “o seu brillante labor na transferencia e divulgación da ciencia á sociedade, compaxinando a súa actividade investigadora coa colaboración na industria farmacéutica en distintos proxectos de fármacos e vacinas”. Salientou ademais “os proxectos froito da colaboración co profesor Langer” e que os seus traballos e logros difundíronse en gran número de publicacións nacionais e internacionais de grande impacto.
Na última década, Alonso ocupou o primeiro lugar no ranking español que mide o impacto dos traballos científicos en Farmacoloxía (índice H de 97) e é a muller máis citada en todos os ámbitos da ciencia en España. O alcance do seu traballo permitiulle situarse no 9º posto no ranking mundial do “Times Higher Education” 2010 en Farmacoloxía e Toxicoloxía. Así mesmo, figura como participante na invención de 22 familias de patentes (77 patentes en diferentes países), a maioría delas xeradas en colaboración coa industria ou licenciadas.
A catedrática e o seu equipo foron galardoados con numerosos premios de investigación. Merecen especial mención o Premio “Rey Jaime I” na modalidade de novas tecnoloxías.