María José Alonso acaba de ingresar na Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina como académica correspondente. A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago centrou o seu discurso de ingreso en “A nanotecnoloxía farmacéutica: protagonista do paradigma das terapias avanzadas”.
O seu laboratorio foi pioneiro en numerosos descubrimentos no campo da Tecnoloxía Nanofarmacéutica e a Nanomedicina. Coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en 5 proxectos da UE e coordina o consorcio TRANS-INT EU. É autora de máis de 230 contribucións científicas con máis de 11.500 citas (factor H 65) e inventora de 18 familias de patentes. Pola calidade dos seus traballos estivo entre os TOP TEN en Farmacoloxía (ranking internacional Times Higher Education).
Na actualidade é Secretaria da Sociedade de Liberación Controlada. Tamén forma parte do consello editorial de 10 revistas. En 2006-10 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Ten asesorado ao Ministerio de Ciencia e Innovación e formou parte do consello asesor do Ministerio de Sanidade en España. No noso país é membro de tres Academias.