A charla celebrarase ás 16 horas no centro escolar e estará impartida por África González Fernández, catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo)
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran o luns, 20 de decembro, unha conferencia para fomentar vocacións científicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Será ás 16:00 horas no IES Johan Carballeira de Bueu . Esta é a última charla do segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.
A catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo), África González Fernández, impartirá a conferencia “Potencia as túas defensas: Vacínate!” no IES Johan Carballeira de Bueuao que asistirán alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato. Segundo sinala África González, a vacinación é a medida preventiva máis eficaz, que prevé enfermidades, secuelas e mortes. A charla describirá que é a vacinación, que pretende facer e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno, como o SARS-CoV-2.
Estas charlas do ciclo Aida Fernández Ríos teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.