Juan Lema, presidente da Academia: “Caramés foi un académico dinámico, hiperactivo, ateigado de ideas, con carácter conciliador e sempre buscando puntos de encontro”
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) lembrou a traxectoria do profesor Luis Caramés, finado en xuño deste ano, e rendeulle tributo o pasado venres en recordo e agradecemento pola súa traxectoria e amizade. Ademais, fíxoselle entrega a viúva de Caramés, que fora académico numerario da RAGC, da Medalla ao Mérito da Economía a título póstumo polo seu “fondo compromiso coa Universidade e co futuro de Galicia”.
O presidente da Academia, Juan Lema Rodicio, asistiu ao acto. A personalidade incisiva, irónica e aberta do homenaxeado foi un dos aspectos destacados por Juan Lema. “Caramés foi un académico dinámico, hiperactivo, ateigado de ideas, con carácter conciliador e sempre buscando puntos de encontro”, sinalou.
Nacido en Cerdedo (Pontevedra) en 1949, Luis Caramés Viéitez foi catedrático de Facenda Pública da USC e ingresou en 2015 na Real Academia Galega de Ciencias. Asemade exerceu como director executivo do Consello Científico do Centro de Estudos Avanzados da USC; coordinador científico do Instituto de Estudos Económicos Pedro Barrié; codirector da revista Urban Public Economics Review; e membro do consello asesor de revista Facenda Pública Española. Caramés foi decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e director do departamento de Economía Aplicada. Ademais, pertenceu á comisión nacional para a reforma de Financiamento Autonómico.