O doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, Javier Bueno, impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se poderá seguir en streaming
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran mañá martes, 16 de novembro, a segunda conferencia do XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase ata o 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.
A conferencia de mañá, “Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario”, estará impartida por Javier Bueno Lema (Zas, 1965), doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC. Segundo explica, a dixitalización do sector agroalimentario ten unha relación “moi estreita” coa evolución tecnolóxica das máquinas utilizadas nos procesos de produción agroalimentaria. “A mediados dos 90, comezou a desenvolverse a agricultura de precisión cando o sinal do sistema GPS, ata entón militar, se abre a usos civís. Esta novidade trouxo como consecuencia a introducción de novas tecnoloxías como sistemas de guiado, monitores de rendemento, técnicas de aplicación de insumos a dose variable, telemetría ou xestión da información de datos xerados polos compoñentes electrónicos dos equipos –lembra–.
Nesta liña, o doutor destaca que a agricultura de precisión mellorou a eficiencia das operacións ao ser capaz de xestionar a variabilidade intra-parcelaria, en vez de tratar cada parcela como unha unidade uniforme. No caso da produción gandeira, esta tecnoloxía permitiu manexar os animais individualmente en vez de xestionar os rebaños de forma conxunta, para proporcionar a cada planta ou a cada animal o que exactamente necesita co fin de optimizar o seu rendemento ao mesmo tempo que se reducen os insumos aportados. “Este sistema de manexo baseado en tecnoloxía permite mellorar o beneficio económico das producións agroalimentarias e facelas máis sostibles medioambientalmente ao utilizar os recursos dunha forma máis eficiente” –sinala–.
Xa no século XXI, Bueno destaca que a partir de 2010 prodúcese unha evolución substancial en tecnoloxías como sensores, actuadores, microprocesadores, telefonía móbil, sistemas TIC baseados na nube ou capacidade de análise de grandes volumes de datos (big data). En paralelo, o experto manifesta que os equipos agrícolas equípanse con tecnoloxías intelixentes “de serie”, coma no caso de computadoras a bordo, sensores que adquiren información tanto do funcionamento da máquina como do proceso produtivo, automatizacións e incorporación de tecnoloxías da comunicación nos vehículos. “Todo isto fai posible na actualidade a agricultura dixital” –sentencia–.
INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.