Recoñeceuse un proxecto sobre a criptografía post-cuántica e outro do desenvolvemento dunha estratexia de vacinación fronte ao neumococo por vía nasal
A Academia destacou o incremento da calidade dos trinta e un traballo recibidos
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o mércores, 27 de outubro, o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021 no Pazo de San Roque de Santiago.Estes galardóns cumpren esta ano a súa trixésimo primeira edición con trinta e un traballos presentados nas dúas modalidades: traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros.
O evento estivo presidido polo presidente da RAGC, Juan Lema. Asistiron académicos da institucións, ademais de autoridades académicas das tres universidades galegas. Contouse coa presenza do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo Costa; e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer. Ademais, previo ao evento, o reitor da UDC asinou no libro de honra da RAGC, no mesmo Pazo de San Roque.
Juan Lema destacou que nesta edición incrementouse a calidade dos traballos recibidos, e mesmo aumentou o número de proxectos presentados, especialmente no campo das biociencias, aínda que se recibiron traballos en todas as áreas de coñecemento integradas na RAGC (matemáticas, física e da ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas ou ciencias económicas e sociais).
O proxecto premiado na modalidade de traballo de investigación realizado por investigadores sénior céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. O equipo galardoado está formado por Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez González, membros do centro atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo); un investigador pertencente á Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suíza, Juan Ramón Troncoso; e Nicolás Gama e Mariya Georgieva da empresa Inpher. Alberto Pedrouzo recolleu a distinción en nome de todo o equipo de traballo.
O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos menores de 30 anos foi para o traballo “Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo”. O equipo investigador premiado está composto por Sandra Robla, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC); Maruthi Prasanna, investigadora da Unité Fonctionnalité et Ingénierie des Protéines (UFIP) da Universidade de Nantes e do CiMUS; Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; Cyrille Grandjean da UFIP da Universidade de Nantes; e Noemí Csaba do CiMUS da USC. Sandra Robla recolleu a distinción en nome de todo o equipo de traballo.
Mencións honoríficas
A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC, que distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da USC. Concedeu unha mención na modalidade de traballo de investigación a un proxecto sobre bacteriófagos e a evolución bacteriana. Os autores principais deste estudo son o Dr. Javier Dubert, da USC; a Dra. Fatima Hussain e o profesor Martin F. Polz do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT); e a Dra. Fréderique Le Roux do CNRS francés. Javier Dubert recolleu a distinción en nome de todo o equipo de traballo.
A segunda mención na modalidade de promoción de mozos investigadores menores de 30 anos foi para un traballo sobre enxertos óseos sintéticos. O equipo recoñecido está composto polo investigador Víctor Santos, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Beatriz Magariños, tamén do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Ricardo Starbird, da Escola de Química do Instituto Tecnolóxico de Costa Rica; Javier Suárez, do Instituto Universitario de Enfermedades Tropicales y Salud Publica de Canarias (Universidad de La Laguna); José Bruno, do Departamento de Ingeniería Química y Tecnología Farmacéutica da Facultad de Farmacia da Universidad de La Laguna; e Carmen Álvarez e Carlos Alberto García, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC. Víctor Santos recolleu a distinción en nome de todo o equipo de traballo.