Jimena Fernández de la Vega
Día da Ciencia en Galicia 2021
A xenetista Jimena Fernández de la Vega foi a homenaxeada este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público.
A RAGC valorou especialmente o seu carácter loitador, amosado desde que fora a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto coa súa irmá Elisa, onde acadou ademais o premio extraordinario. Na súa carreira investigadora tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España. Posteriormente, os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía. A RAGC quere, por tanto, “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.
Pioneira da xenética médica en España
Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán naceu en Vegadeo en 1895, municipio asturiano onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde (Lugo), quen foi o primeiro director do balneario de Guitiriz. Realizou o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, cursando todas as materias en ensinanza non oficial e non colexiada. No exame de grao obtivo a cualificación de sobresaínte tanto na Sección de Ciencias como na de Letras. Durante o último curso do bacharelato preparou no Instituto de Santiago a materia de alemán en ensinanza libre, un coñecemento que será fundamental no que foi a súa traxectoria posterior.
Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. En 1913 matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. Tres anos máis tarde doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa Tese “Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico”, baixo a dirección do Dr. Pittaluga da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.
Elisa (esquerda) e Jimena (dereita),
as irmás Fernández de la Vega
Jimena e Elisa con sobriñas xemelgas Lola e Amalia
Experimentos coa mosca Drosophila
Jimena foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España. Así, Jimena foi destinataria de sucesivas bolsas JAE en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para traballar cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur. Neste período, realizou estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e súa relación coa herdanza (xenotipo), publicando numerosas contribucións.
Paixón pola investigación, estadías en centros referenciais e aplicación da xenética á saúde
A súa volta a España, observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu unha intensa labor de divulgación. Animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.
Realizou unha segunda estadía de investigacións en centros punteiros de Alemaña e Italia no curso 1933-1934, para profundar no eido da herdanza e constitución, realizando estudos sobre endocrinoloxía e constitución no Istituto di Clinica Medica de Xénova e no Keiser Wilhelm Institut, en Berlín, onde desenvolveu un traballo de investigación sobre a herdanza das formas dos glóbulos vermellos no sangue humano, empregando o método dos xemelgos, traballos que foron recollidos en diversas publicacións.
Ao seu regreso, a ciencia oficial en España decidiu un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos.
Jimena na Alemaña dos anos 20
Aposta pola hidroloxía médica
Jimena Fernández de la Vega en 1953 en Guitiriz
Desgustada por este enfoque teórico, Jimena foi pouco a pouco abandonando o interese pola xenética e orientando a súa vida profesional á aplicación da hidroloxía no campo da saúde, eido ao que destinou todo o seu entusiasmo traballando como médica do balneario de Guitiriz (Lugo), onde exercera o seu pai, dirixindo posteriormente os balnearios de Montemayor (Cáceres) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou. Nesta actividade, coma en moitas outras facetas da súa vida profesional, foi unha adiantada e pioneira. Jimena foi a primeira muller en España en gañar as Oposicións para dirixir un establecemento balneario. Tras vivir os seus últimos anos en Santiago, faleceu o 20 de maio de 1984 no Sanatorio da Esperanza de Compostela e está soterrada no cemiterio de Boisaca.
Jimena Fernández de la Vega en 1960 en Lanjarón
Jimena nunha homenaxe no Clínico de Santiago en 1967