Asistirá a presidenta do Consejo de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, que é sobriña da homenaxeada e dará unha conferencia sobre ela
O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a Jimena Fernández de la Vega mañá vernes, 8 de outubro, no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. Neste acto central participará a presidenta do Consejo de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega de Ciencias de Galicia (RAGC). Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX.
Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola Universidade de Santiago (USC), representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. Foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia. Logo da Xenética, orientou a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica. Jimena foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial que lle permitiu dar unha salientable visibilidade ás científicas da época.
O acto, que comezará ás 19 horas, contará coas intervencións do presidente da RAGC, Juan Lema, do reitor da USC, Antonio López, e da sobriña neta da homenaxeada, Constanza Sánchez Ferrari, que lerá as palabras do seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega –sobriño de Jimena–. O académico numerario da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, Ángel Carracedo, ofrecerá unha conferencia titulada “Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética clínica”, e María Teresa Fernández de la Vega impartirá unha segunda conferencia titulada “La tenacidad de una científica humanista”. Ademais asistirán ao evento o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde; o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer; o alcalde de Santiago, Xosé A. Bugallo; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas e culturais galegas. Proxectarase no transcurso do evento o vídeo homenaxe “Jimena, científica e divulgadora” sobre a vida e obra da pioneira da xenética médica en España.
Ademais, no mesmo acto de Fonseca, farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano son Carmen Álvarez Lorenzo, medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; Carlos Hervés Beloso, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais; Luis Castedo Ribas, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas; Manuel Eulogio Ladra González, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e María Antonia Señarís Rodríguez, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.
Libro, placa conmemorativa e camelia na honra de Jimena
Por outra parte, o Consello da Cultura Galega acollerá mañá a presentación da publicación de autoría colectiva “Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo”, ás 11 horas (Pazo de Raxoi, 2º Andar). Ao acto asistirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, como institución editora; o presidente da RAGC, Juan Lema; María Teresa Fernández de la Vega; Jesús Fernández de la Vega, sobriño de Jimena e irmán de María Teresa; Constanza e Jimena Sánchez Ferrari, sobriñas netas de Jimena; e o editor e membro da xunta directiva da RAGC, Antón Álvarez Sousa. “Esta publicación pretende simplemente abrir unha fiestra á súa personalidade, á súa obra e ó seu legado. Co nomeamento como ‘Científica Galega do ano 2021’, a Real Academia Galega de Ciencias quere gabar a súa figura como modelo de comportamento persoal e profesional para a sociedade galega en xeral, e moi en particular para a sociedade científica galega”, segundo escribe Lema nun dos limiares do libro.
Os actos continuarán ás 13 horas coa colocación dunha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle), coa colaboración do Concello de Santiago, e a plantación no mesmo parque dun exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada, en colaboración coa Deputación de Pontevedra (Máis información da camelia en https://www.depo.gal/es/-/camellia-japonica-jimena-fernandez-de-la-vega). Os asistentes serán o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Santiago e representantes dos grupos municipais; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra, Mª Victoria Alonso Méndez; María Teresa Fernández de la Vega e outros membros da familia, así como o presidente da RAGC. Finalmente, a mañá pecharase coa sinatura no libro de honra da RAGC por parte da presidenta do Consejo de Estado, ás 14 horas no Pazo de San Roque.
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega a vida e actividades daquelas científicas ou científicos que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento da ciencia en Galicia.
O evento retransmitirase a través da canle de YouTube da RAGC: https://youtu.be/4A6MNiFMC4s