O director do Institut de Recerca contra la Leucèmia Josep Carreras de Barcelona, Manel Esteller, e a investigadora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), Marisol Soengas, impartiron a sesión ás 19 horas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), continuaron o mércores 7 de xullo co Ciclo de Conferencias Avances en Ciencia e Tecnoloxía que nesta XXIV edición estará centrado nos “Avances recentes no coñecemento do cancro: bases moleculares e aplicacións á clínica”. As charlas celebraranse en formato semipresencial do martes 6 ao venres 9 de xullo, presencialmente no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela (rúa San Roque, 2) e por streaming en horario de tarde.

Nesta segunda xornada celebráronse dúas conferencias, ambas moderadas polo coordiandor do ciclo Xosé R. Bustelo, vicedirector do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca e Coordinador do Programa de Mecanismos de Progresión Tumoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede do Cancro, membro da presidencia da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) e académico correspondente da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. A primeira foi online ás 19 horas e versou sobre a “Epixenética do cancro: desde o coñecemento ás aplicacións” que impartiu Manel Esteller, director do Institut de Recerca contra la Leucèmia Josep Carreras de Barcelona.

Nesta charla, o Dr. Esteller, un dos investigadores máis senlleiros no eido internacional neste tema, deu unha perspectiva histórica de como se descubriu este proceso, do que se coñece actualmente sobre o seu papel no cancro e dos esforzos que se están a facer nestes intres para empregar esta información para o diagnóstico e tratamento dos pacientes de cancro.

Xunto coas alteracións xenéticas, o cancro está asociado con fenómenos de cambios no xenoma asociados á modificación do ADN (a molécula que alberga a nosa información xenética) e das molecules que o recubren dentro do núcleo celular. Segundo explica Esteller, estes cambios, denominados epixenéticos, teñen unha grande importancia na regulación de cambios de expresión xénica e, consecuentemente, no comportamento das células tumorais. Debido a elo, diferentes moléculas implicadas na regulación destes procesos téñense atopado mutadas en distintos tipos de cancro. Engade Esteller que estas modificacións tamén serven de guía para clasificar mellor aos tumores desde un punto de vista clínico. Dada a súa relevancia na evolución do cancro, Esteller apunta a que se están a facer moitos esforzos actualmente na percura de compostos químicos que podan alterar estes procesos epixenéticos.

A segunda sesión do día impartiuse presencialmente ás 20 horas. A investigadora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), Marisol Soengas, ofreceu un relatorio titulado “Descifrando a metástase: o melanoma como exemplo”.

A Dra. Soengas, unha das expertas mundiais neste tema no eido do melanoma, deu unha visión sobre o estado actual do tema e os retos que aínda temos por diante para tratalo desde un punto de vista terapéutico. A experta explica que a metástase é un proceso biolóxico que determina a diseminación das células tumorais desde o tumor primario a distintas partes do noso organismo.

“É un proceso altamente complexo que vai asociado a mecanismos que facilitan a saída das células da masa tumoral, a súa diseminación pola circulación sanguínea e vasos linfáticos, o seu paso aos tecidos normais e, posteriormente, a supervivencia e proliferación das células tumorais neses novos nichos” –manifesta–. Ademais, subliña que este proceso está asociado tanto a fenómenos intrínsecos das células tumorais como a modificación, por parte do tumor, dos propios órgaos periféricos para que se favoreza a implantación e crecemento das células tumorais unha vez que chegan a eles. Destaca tamén que, xunto con ser un proceso biolóxico complexo, a metástase supón tamén un gran problema clínico que aínda está por resolver na maioría dos casos.

Como o seu título indica, o ciclo Avances quere dar unha panorámica xeral sobre os avances recentes no cancro cun carácter altamente divulgativo. Intentarase nelas dar información recente sobre técnicas e mecanismos moleculares que median a orixe, progresión e respostas clínicas do cancro. Tamén se ofrecerá unha visión de como estes avances teñen un traslado importante á práctica clínica no ámbito do diagnóstico, tratamento e o desenvolvemento da medicina personalizada.

Todos os participantes poderán solicitar certificado de asistencia. O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias está aberto na plataforma Zoom:

https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_LGNm1oMlQn6WcMc8rmzX_Q

Share This