Poderanse presentar candidaturas para as modalidades dun traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros
- O prazo de presentación estará aberto ata o 31 de xullo
- Están destinados a promover a investigación en matemáticas, física e ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas ou ciencias económicas e sociais
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) convoca os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021, distincións destinadas a promover e recoñecer a investigación e o desenvolvemento nas áreas de coñecemento de matemáticas, física e da ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas ou ciencias económicas e sociais, todas elas integradas na RAGC.
Nesta trixésimo primeira edición concederanse premios en dúas categorías: a un traballo de investigación realizado por investigadoras e investigadores sénior, dotado con 6.000 euros e un diploma acreditativo; e un premio para incentivar a promoción de mozas e mozos investigadoras e investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros e un diploma acreditativo. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 31 de xullo. Poderanse conceder mencións especiais ou declarase desertos.
Segundo as bases da convocatoria, poderán concorrer todas e todos os investigadores que presenten un traballo realizado total ou parcialmente en universidades e centros de investigación de Galicia. Os traballos tratarán sobre temas ou aspectos relacionados coas áreas temáticas xa mencionadas das seccións da Academia. No caso do premio de dun traballo de investigación, polo menos unha ou un dos autores deberá ser doutor. O traballo pode ser inédito, estar aceptado para a súa publicación ou estar xa publicado, neste caso con posterioridades ao 1 de xaneiro de 2021.
A participación será tramitada de xeito telemático a través da web da RAGC (https://www.ragc.gal/gl/5547-2/). O solicitante poderá presentar unha única candidatura. O xurado estará composto por sete membros, cinco deles pertencentes a cada unha das seccións da Academia.