O reputado bioquímico Mariano Barbacid e outros investigadores de recoñecido prestixio falarán do progreso no coñecemento desta enfermidade e como isto estase a traducir na práctica clínica en mellores diagnósticos e tratamentos para os pacientes

Celebrarase en formato mixto –presencial no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela e por streaming– en horario de tarde

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), celebrarán a vindeira semana o Ciclo de Conferencias Avances nesta edición XXIV que, neste caso, estará centrado nos “Avances recentes no coñecemento do cancro: bases moleculares e aplicacións á clínica”. As charlas celebraranse en formato semipresencial do martes 6 ao venres 9 de xullo, presencialmente no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela (rúa San Roque, 2) e por streaming de 19:00 a 21:00 horas.

O ciclo de conferencia está coordinado polo doutor Xosé R. Bustelo, vicedirector do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca e Coordinador do Programa de Mecanismos de Progresión Tumoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede do Cancro, membro da presidencia da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) e académico correspondente da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC.

Como o seu título indica, este ciclo de conferencias quere dar unha panorámica xeral sobre os avances recentes no cancro cun carácter altamente divulgativo. Intentarase nelas dar información recente sobre técnicas e mecanismos moleculares que median a orixe, progresión e respostas clínicas do cancro. Tamén se ofrecerá unha visión de como estes avances teñen un traslado importante á práctica clínica no ámbito do diagnóstico, tratamento e o desenvolvemento da medicina personalizada.

O ciclo está dirixido á cidadanía en xeral, esixíndose un coñecemento básico científico non avanzado. Sen embargo, a temática terá tamén interese para persoas especializas no campo da Bioloxía, Medicina, Farmacia, Informática e outras áreas asociadas coa Biomedicina.

“Con este ciclo de conferencias, queremos dar á cidadanía unha información de última hora do que está a pasar na investigación do cancro e de como isto estase a traducir en melloras no ámbito hospitalario. É una ocasión única, dado que nel participarán os científicos galegos e españois máis relevantes na oncoloxía molecular na actualidade” –apunta Xosé Bustelo–.

Ademais, Bustelo sinala que o ciclo non será unha clase pechada, senón aberta a toda a audiencia que terá a oportunidade de interpelar aos relatores e, o que é máis importante, tamén se habará una mesa de debate onde se discutirán os problemas pendentes que teñen os pacientes e científicos do cancro en Galicia nestes momentos.

Relatores de alto recoñecemento nacional e internacional

Estas charlas estarán impartidas por científicas e científicos de alto recoñecemento internacional que están a traballar en Galicia ou no resto de España actualmente. Tamén haberá representantes, no caso da táboa redonda, dos pacientes (Asociación Española contra el Cáncer (AECC) da Coruña.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, inaugurará o ciclo o vindeiro martes, 6 de xuño, ás 18:45 horas no Pazo de San Roque, onde estará acompañado por Xosé R. Bustelo. Nesta primeira xornada celebraranse dúas conferencias. A primeira será presencial ás 19 horas e versará sobre a “Xenómica do cancro. Que é e que estamos aprendendo con ela” que impartirá José Tubío, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda sesión do día será en formato online ás 20 horas e tratará sobre a “Senescencia celular e cancro” a cargo do investigador do Institute for Research in Biomedicine (IRB) de Barcelona, Manuel Serrano. Ambas charlas estarán moderadas pola investigadora do CiMUS Clara Álvarez Villamarín.

O mércores 7 de xuño o ciclo comezará cun relatorio online titulado “Epixenética do cancro: desde o coñecemento ás aplicación” que ofrecerá ás 19 horas o director do Institut de Recerca contra la Leucèmia de Barcelona, Manel Esteller. A continuación, ás 20 horas, intervirá presencialmente no Pazo de San Roque Marisol Soengas, investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) de Madrid coa charla “Descifrando a metástase: o melanoma como exemplo”. As dúas conferencias estarán moderadas por Xosé R. Bustelo.

A terceira xornada do ciclo do xoves 8 de xuño iniciarase cunha sesión online ás 19 horas. A investigadora do IRB de Barcelona, Núria López-Bigas falará sobre “O impacto da investigación xenómica na medicina personalizada para os pacientes de cancro”. E, ás 20 horas, será a quenda da catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González que falará das “Inmunoterapias aplicadas ao cancro”. Ambas charlas estarán moderadas por Marisol Soengas.

O ciclo finalizará o venres 9 de xuño. A xornada de peche comezará ás 18 horas coa táboa redonda “Novos retos para avanzar na investigación e curación do cancro en Galicia” que se celebrará presencialmente no Pazo de San Roque. Nesta sesión de debate, moderada pola xornalista de VTelevisión Fernanda Tabarés, participarán Xosé R. Bustelo, Marisol Soengas, o xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Rafael López; a oncóloga do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Rosario Campelo; e o vicepresidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) da Coruña, Carlos Lamora. Tamén presencial será a última conferencia do ciclo, que comezará ás 19:30 horas, a cargo do investigador do CNIO e bioquímico Mariano Barbacid que ofrecerá “Unha visión histórica dos estudos do cancro”. O ciclo clausurarase ás 20:30 horas coa intervención de Xosé R. Bustelo.

Todos os participantes poderán solicitar certificado de asistencia. O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na plataforma Zoom:

https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_LGNm1oMlQn6WcMc8rmzX_Q

Share This