A catedrática de Ciencias de Materiais da Universidade de Vigo, Carmen Pérez, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, impartiron a sesión
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra iniciaron o pasado 29 de abril a segunda edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.
O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022 –de setembro a decembro–.
O presidente da RAGC, Juan Lema, e deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra, a Ana M.ª Mejías, inauguraron esta primeira xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.
A primeira sesión de conferencias celebrouse en formato webinario. Baixo o título “Os microplásticos, que son? A súa incidencia na sociedade actual”, a charla estivo impartida pola catedrática de Ciencias de Materiais do Departamento de Enxeñería de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen Pérez Pérez.
Desde o seu gran desenvolvemento na primeira metade do século XX, os plásticos forman parte da nosa vida. Carmen Pérez explica que permiten o aforro de enerxía e de recursos e contribúen á mellora da calidade de vida. Pero indica que para que a sociedade poida recibir os beneficios que poden chegar a aportar é necesario recuperalos axeitadamente, de tal maneira que os residuos xerados non ameacen o entorno natural, incluíndo aos ecosistemas mariños.
A experta sinala que desgraciadamente hoxe en día os residuos plásticos atópanse esparexidos no contorno, en particular nos océanos onde se acumulan millóns de toneladas. Destaca que é especialmente problemática a identificación e recuperación dos chamados microplásticos, termo que fai referencia aos residuos plásticos cun tamaño inferior a cinco mm. “Os microplásticos son insolubles en auga, e o seu pequeno tamaño fai especialmente difícil a súa recuperación. Tamén fai que sexan ubicuos, poden atoparse no aire, na auga, nos sedimentos e nos microorganismos tanto terrestres como acuáticos” –explica–. A orixe destes microplásticos é moi diversa: en algúns casos son fragmentos fabricados con ese tamaño (por exemplo os que se atopan en produtos como deterxentes), noutros casos trátase de micropartículas orixinadas a partir da degradación de produtos plásticos. Segundo Carmen Pérez, todas estas particularidades fan que os microplásticos sexan tratados de maneira específica á hora de implementar medidas que diminúan a súa emisión ao medio ambiente.
A segunda charla da xornada, “Microplásticos; descifrando o seu impacto no medio mariño”, correu a cargo do investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago Piñeiro.
O experto relata que a produción mundial de plásticos non para de aumentar, superando xa os 300 millóns de toneladas ao ano. Ademais, salienta que nos últimos anos a comunidade científica internacional deu a voz de alarma sobre a problemática ambiental relacionada co aumento dramático da entrada e persistencia de materiais plásticos no medio mariño. “Aínda existe certo descoñecemento sobre o impacto dos plásticos no ecosistema, en especial o que teñen os de menor tamaño, os chamados microplásticos” –apunta–. Nesta charla presentaranse algúns dos impactos observados no medio mariño polos microplásticos, en base aos resultados dos últimos estudos publicados.