A ciencia pódese medir e así se demostra no “Ranking of the World Scientists: World’s Top 2 % Scientists”, elaborado pola Universidade de Stanford (California, USA), na que se engloban as mellores investigadoras e investigadores do mundo.
Neste 2% mundial de maior impacto, as investigadoras e investigadores están dispersos por 149 países. España concentra a 2.291 investigadoras e investigadores que, principalmente, desenvolven o seu traballo en universidades. En concreto, Galicia conta con 84 das investigadoras e investigadores máis influentes, dos que un 46,4% traballan na Universidade de Santiago de Compostela (USC), un 28,6% na Universidade de Vigo (UVigo), e o resto noutras institucións científicas.
Neste top mundial, destacan oito académicas e académicos da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC): María J. Alonso Fernández, Pilar Bermejo Barrera, Ángel Carracedo, Juan M. Lema Rodicio, Manuel Arturo López-Quintela, Juan J. Nieto Roig, José Rivas Rey e Alicia Estévez Toranzo. Tamén salientan cinco investigadoras e investigadores galegos que recibiron as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias: Luis M. Botana López, Carlos Diéguez, María Teresa Moreira, Carlos A. Salgado e Jesús Simal Gándara.
Esta clasificación mide o impacto das investigacións en base a diferentes indicadores, como as citas científicas, referencias, índices ou citas de artigos. Publicada na revista científica PLOS Biology, inclúe a máis de 160.000 científicas e científicos internacionais de primeiro nivel de 22 campos científicos e 176 subcampos diferentes, ofrecendo a posibilidade de coñecer os seus resultados investigadores do último ano.