A RAGC valorou o seu carácter loitador “en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”, ademais da súa contribución aos campos da xenética e da hidroloxía sanitarias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará á Dra. Jimena Fernández de la Vega como “Científica Galega do ano 2021”, facendo pública esta decisión nunha data tan sinalada como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra mañá xoves, 11 de febreiro.
A RAGC valorou especialmente o seu carácter loitador, amosado desde que fora a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto coa súa irmá Elisa, onde acadou ademais o premio extraordinario. Na súa carreira investigadora tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España. Posteriormente, os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía. A RAGC quere, por tanto, “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.
Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro co gallo do “Dia da Ciencia en Galicia” programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.
As irmás Jimena e Elisa, as primeiras mulleres licenciadas da Universidade de Santiago
Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo. Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios.
Naceu na Vega de Ribadeo (Vegadeo), localidade onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde (Lugo), quen foi o primeiro director do balneario de Guitiriz. Realizou o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, cursando todas as materias en ensinanza non oficial e non colexiada.
No exame de grao obtivo a cualificación de sobresaínte tanto na Sección de Ciencias como na de Letras. Durante o último curso do bacharelato preparou no Instituto de Santiago a materia de alemán en ensinanza libre, un coñecemento que será fundamental no que foi a súa traxectoria posterior.
En 1913 matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. Tres anos máis tarde doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa Tese “Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico”, baixo a dirección do Dr. Pittaluga da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.
A súa especialización en Alemaña, Austria e Italia
Jimena foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España. Así, Jimena foi destinataria de sucesivas bolsas JAE en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para traballar cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur. Neste período realizou estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e súa relación coa herdanza (xenotipo), publicando numerosas contribucións.
A súa volta a España, observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu unha intensa labor de divulgación. Animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.
Realizou unha segunda estadía de investigacións en centros punteiros de Alemaña e Italia no curso 1933-1934, para profundar no eido da herdanza e constitución, realizando estudos sobre endocrinoloxía e constitución no Istituto di Clinica Medica de Xénova e no Keiser Wilhelm Institut, en Berlín, onde desenvolveu un traballo de investigación sobre a herdanza das formas dos glóbulos vermellos no sangue humano, empregando o método dos xemelgos, traballos que foron recollidos en diversas publicacións.
Ao seu regreso, a ciencia oficial en España decidiu un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos. Desgustada con esta orientación, Jimena foi pouco a pouco abandonando o interese pola xenética, orientando a súa vida profesional a aplicación da hidroloxía no campo da saúde, campo ao que destinou todo o seu entusiasmo, traballando como médica do balneario de Guitiriz, onde traballara o seu pai, dirixindo posteriormente os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipúzkoa) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou.
Jimena Fernández de la Vega foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial da realización de estadías en centros referenciais para desenvolver frutíferas traxectorias profesionais que permitiron darlle unha salientable visibilidade ás científicas da época.
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega a vida e actividades daqueles científicas ou científicos que destacaron pola súa contribución ao desenvolvemento da ciencia en Galicia.