JUAN M. LEMA RODICIO 
02/12/2020 05:00 H

Segundo o informe da Fundación COTEC Análisis de los últimos datos sobre la actividad I+D en España publicados por el INE y Eurostat, correspondente o ano 2019, o investimento en I+D en España medrou por quinto ano consecutivo, acadando o seu nivel máximo histórico. Porén, está a diverxer en termos relativos, situándose nun nivel do 58 % da media da UE mentres que no 2008 estaba próximo ó 75 %. Os orzamentos medios per cápita en Europa rozan os 670 euros mentres que en España limítanse a 350 euros.

A evolución do sector privado resulta máis satisfactoria, especialmente impulsada polas empresas de maior tamaño, aportando actualmente case que o 60 % do investimento en I+D+i. En tanto, no sector público aínda non se ten recuperado o nivel do 2010. En termos de recursos humanos o sector privado incrementouse en case 15.000 persoas mentres que o público diminuíu nunhas 5.000. 

Os datos referidos a Galicia indican que tanto o investimento, en valor absoluto, como o persoal contratado para actividades I+D+i supera, ó igual que noutras oito comunidades, o valor acadado no 2010, pero evoluciona a un ritmo sensiblemente inferior ó necesario para atinxir a desexable converxencia. 

Estes datos, dende logo, non parecen estar en liña coa idea que podería desprenderse do título deste artigo. Porque nun análise de futuro «as perspectivas» deben formularse tendo en conta o presente pero tamén considerando as expectativas cualitativas e cuantitativas. 

No marco español, a partida de I+D+i nos orzamentos presentados no Parlamento increméntanse notablemente, en gran parte con cargo ós fondos comunitarios que en forma de achegas ou préstamos reforzarán a economía española. As previsións orzamentarias para o Ministerio de Ciencia e Innovación contemplan unha subida dun 60 %, acadando un valor de 3.200 millóns de euros, un terzo dos cales procederían de Europa. En caso que se consolidaran estas previsións, estarase a construír unha base sobre a que recuperar o sector público e reforzar o privado. O plan pretende asemade o lanzamento dun programa de atracción e retención estable de talento para reforzar o noso feble sistema de investigación. 

Pero albíscanse tamén indicios cualitativos positivos, sendo un dos mais importantes a percepción pública sobre a ciencia. Estase a observar un progresivo interese e respecto da sociedade polos temas científicos, especialmente dende os sectores mais dinámicos, incentivado por tódalas actividades na loita contra a covid-19 e catalizado polas redes sociais e por medios de difusión importantes. Particularmente, cabe salientar a campaña que procura o obxectivo de avanzar cara ó investimento do 2 % do PIB en investigación a curto prazo, e que leva recollidas preto dun millón de sinaturas. 

Polo que respecta a Galicia, as perspectivas tamén parecen avanzar polo bo camiño. Así, o Parlamento de Galicia vén de aprobar, por unanimidade, unha proposición non de lei na que insta á Xunta a elaborar no 2021 un novo plan que implique duplicar o investimento en I+D+i para atinxir, como mínimo, a media española. Este importante acordo, así como as ofertas nos programa electorais de tódolos partidos, con propostas de gran calado, permítenos ser razoablemente optimistas. Parece que a ciencia en Galicia podería ir achegándose ó que debería representar nunha sociedade avanzada. Seremos capaces de acadar un pacto pola ciencia nun prazo moi próximo?

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2020/12/02/boas-perspectivas-ciencia-galicia/0003_202012G2P16994.htm

Share This