A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias, Alicia Estévez, presentaron este xoves a primeira edición do ciclo de conferencias dedicado á bióloga galega Aida Fernández Ríos.
Esta actividade está enmarcada no convenio asinado hoxe por ambas as dúas institucións. “Sei que esta foto non é habitual, tres mulleres sentadas falando de ciencia, xa que as mulleres adoitamos estar infrarrepresentadas”, significou Carmela Silva.
As conferencias están destinadas a toda a cidadanía e teñen como propósito achegar asuntos de importancia e de actualidade ligados á ciencia.
O ciclo ‘Aida Fernández Ríos’ está composto de quince charlas, entre marzo e decembro no Pazo Provincial e na sede da Deputación en Vigo. Haberá actividades de divulgación científica sobre asuntos como o cancro, a intelixencia artificial, a acuicultura ou a nanomedicina, entre outros.
Ademais a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega das Ciencias promoverán unha serie de charlas en colexios da provincia coa intención de estimular a vocación científica entre a mocidade, “y demostrarles que pueden ser lo que quieran sin estereotipos de género”, apuntou Alicia Estévez.
Neste sentido, Carmela Silva destacou que desde o goberno provincial “queremos aplaudir o obxectivo da Academia de incorporar máis mulleres entre os seus integrantes”.
Carmela Silva agradeceu á Academia Galega das Ciencias “a súa sensibilidade para visibilizar ás mulleres, referentes como María José Alonso, Alicia Estévez Toranzo, Maribel Soengas, Miriam Pena…”, dixo a presidenta provincial.
“Cando as mulleres non estamos representadas, pérdese o noso talento” e sinalou que as mulleres “somos máis matriculadas na universidade e temos mellores notas”. Tamén indicou que en Europa o 41% dos postos científicos e de enxeñería son ocupados por mulleres, “e só en cinco países son maioría”.