Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) formaliza esta tarde o ingreso de cinco novos membros: Luis Liz Marzán, Xosé Ramón Bustelo, Aníbal Figueiras, Beatriz González e Manuel de León. A entrada dos novos académicos correspondentes faise oficial coincidindo coa apertura do curso da institución, que se celebra esta tarde en Santiago coa lección maxistral “A xeoloxía e o cambio climático na Terra”, a cargo de Juan Ramón Vidal Romaní.
Con estes cinco ingresos, a RAGC incrementa a súa nómina de científicos e científicas galegos –ou cunha estreita vinculación a Galicia– de recoñecido prestixio nas súas áreas de coñecemento e que exercen a súa actividade investigadora en centros de referencia no resto de España ou no estranxeiro, con capacidade para contribuír á promoción da ciencia en Galicia a través da RAGC.
![](https://www.ragc.gal/wp-content/uploads/2020/01/200121_055-1024x683.jpg)
Luís Liz-Marzán, natural de Lugo, é considerado un dos pioneiros no campo da nanoplasmónica e as súas aplicacións na biomedicina. Tras doutorarse en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e realizar unha estancia de dous anos na Universidade de Utrecht, incorporouse á Universidade de Vigo, onde obtivo a cátedra de Química Física. Desde 2012 é profesor Ikerbasque e director científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE), en San Sebastián. Dirixiu máis de 30 teses doutorais e foi profesor convidado en institucións en todo o mundo. Entre os seus numerosos premios destacan a Medalla da Real Sociedade Española de Química, o Premio Rey Jaime I de Investigación Básica e o Premio Nacional de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía Químicas. É membro da European Academy of Sciences e da Real Academia de Ciencias de España. Obtivo tamén a prestixiosa ERC Advanced Grant en dúas ocasións.
![](https://www.ragc.gal/wp-content/uploads/2020/01/200121_067-1024x683.jpg)
Xosé R. Bustelo (Padrón, A Coruña) é profesor de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e investigador principal no Centro de Investigación Biomédica sobre o Cancro (CIBERONC). O seu traballo céntrase na comprensión dos mecanismos de transducción de sinais que contribúen ao desenvolvemento do cancro e outras enfermidades. O seu grupo identificou xenes implicados nestes procesos, novos programas tumorais, dianas terapéuticas e pegadas xenéticas diagnósticas con potencial interese clínico. Logo de doutorarse en Bioloxía pola USC especializouse durante varios anos nos Estados Unidos ata o seu regreso, cando se integrou no CSIC. A súa produción científica inclúe ata agora 140 artigos científicos e varias patentes. A súa traxectoria foi recoñecida por premios coma o Young Investigator Award for Cancer Research (USA), o Premio Nacional de Oncoloxía Echevarne, o Premio Pfizer de Investigación Básica e o Premio Severo Ochoa de Investigación Biomédica. Desde 2019 é presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro.
![](https://www.ragc.gal/wp-content/uploads/2020/01/200121_093-1024x683.jpg)
Beatriz González López-Valcárcel, nacida en Vigo, é experta en investigación en economía da saúde pública e da prevención (obesidade, tabaco, desigualdades sociais en saúde), mercados laborais e planificación de recursos humanos, adopción e difusión de novas tecnoloxías sanitarias, e economía do medicamento. Licenciada en Ciencias Económicas pola USC, doutorouse pola Universidade de La Laguna e obtivo a Cátedra de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. É profesora de cursos de posgrao e doutoramento en decenas de universidades españolas e estranxeiras, labor que compaxina co liderado de proxectos de investigación estatais e europeos e coa consultoría en países como México, Brasil, Arxentina, Chile e Mozambique. Foi presidenta da Asociación de Economía da Saúde e da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria, así como da sección de Public Health Economics da Asociación Europea de Saúde Pública. No ano 2011 foi condecorada coa Cruz da Orde do Mérito Civil de Sanidade.
![](https://www.ragc.gal/wp-content/uploads/2020/01/200121_079-1024x683.jpg)
Aníbal R. Figueiras Vidal (Vigo) é profesor e investigador na Universidad Carlos III de Madrid, especializado no tratamento dixital de sinais e na aprendizaxe de máquinas (machine learning). Licenciado e doutor en Enxeñería de Telecomunicación, é catedrático de Universidade desde 1976 e tivo un papel decisivo na posta en marcha da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Ten publicadas máis de 400 contribucións científico-técnicas (artigos e relatorios) e exerce como consultor e avaliador para numerosos organismos e publicacións estatais e internacionais. Ata o de agora coordinou un centenar de proxectos e contratos de I+D e dirixiu varias decenas de teses doutorais. Recibiu o Premio Miguel Catalán 2019 da Comunidade de Madrid á traxectoria investigadora. É Académico Numerario da Real Academia de Enxeñería –da foi presidente de 2007 a 2011– e correspondente da Academia de Enxeñería de México. Ademais, recibiu doutoramentos honoris causa das Universidades de Vigo e San Pablo (Arequipa, Perú).
![](https://www.ragc.gal/wp-content/uploads/2020/01/200121_043-1024x683.jpg)
Manuel de León (Zamora), licenciouse e doutorouse en Matemáticas pola USC, onde exerceu como docente ata incorporarse ao CSIC. Alí foi o encargado de fundar o Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT), centro de excelencia Severo Ochoa. O seu traballo de investigación céntrase na xeometría diferencial, a física matemática e a xeometría mecánica, campos nos que ten publicado uns 300 artigos de investigación e catro monografías. Foi tamén o fundador e director do Journal of Geometric Mechanics (American Institute of Mathematical Sciences) e desenvolve un intenso labor de divulgación das matemáticas. Dirixiu 11 teses doutorais en cinco universidades diferentes e foi vicepresidente da Real Sociedade Matemática Española, así como fundador e presidente do Comité Español de Matemáticas (CEMAT). É membro numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e correspondente da Real Academia Canaria de Ciencias, así como Medalla da Real Sociedade Matemática Española.