Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- Como parte do acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia 2019, que tivo lugar no salón nobre do Colexio Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela, entregaronse os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo e as Medallas de Investigación da RAGC, estas últimas instauradas este mesmo ano.
As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.
A medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, correspóndelle a Carlos Diéguez González, director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O catedrático de Fisioloxía da USC, con máis de 35 anos de carreira investigadora, é un referente a nivel mundial no campo da neuroendocrinoloxía.
Alfredo Bermúdez de Castro (A Coruña, 1950) recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal, correspondente á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. O catedrático de Matemática Aplicada da USC está recoñecido pola comunidade científica internacional como figura clave no desenvolvemento da súa disciplina en España.
A catedrática de Enxeñería Química da USC María Teresa Moreira (Mugardos, 1969) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Está especializada en enxeñería bioquímica e en xestión do ciclo de vida, ámbitos nos que ten publicado máis de 300 artigos científicos.
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967), catedrático de Economía da Uvigo e director do centro de investigación Economics for Energy.
O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), recibiu a medalla Antonio Casares Rodríguez, da seccion de Química e Xeoloxía. Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC, é considerado un dos responsables da introdución en España da química biolóxica.
Polo que respecta aos galardoados cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, o equipo galardoado co Premio de Investigación, outorgado a científicos senior, estivo liderado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e integra a investigadores do Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia-Universidade de Burdeos, do Instituto de Investigación do Ecosistema Terrestre de Italia, das Universidades de Córdoba e Estremadura e do Centro de Recuperación de Recursos Xenéticos de Álava.
Coordinado polos investigadores Santiago Pereira e Ana María Ramos, trátase da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, realizado co obxectivo de comprender mellor os efectos do enxerto no proceso de “domesticación” desta especie ao longo da Historia, incluíndo o impacto que esta práctica produciu sobre a súa diversidade xenética.
Juan Cuñarro Gómez, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, foi distinguido co premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Cuñarro, do Grupo Diabesity do CiMUS, contou coa colaboración do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (Madrid) e do Instituto de Investigación Sanitaria Biocruces (Biscaia).
A investigación identifica por primeira vez a proteína p107 –que ata o de agora fora estudada sobre todo polo seu papel no ciclo celular e na aparición de tumores– como unha potencial diana terapéutica para a abordaxe da obesidade e da síndrome metabólica en xeral.
En ambas as dúas categorías foron outorgadas mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, María Celeiro, en equipo con María Llompart, recibiron o recoñecemento da RAGC polo desenvolvemento dunha metodoloxía in-situ para a monitorización de contaminantes emerxentes en augas.
Na categoría de investigadores mozos, outorgóuselle unha mención honorífica a Xabier García, do Departamento de Matemáticas do Campus de Ourense da Uvigo. En colaboración con outro científico belga, o seu traballo describe a variedade de álxebras de Lie a través da exponenciación alxébrica.