Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- A RAGC celebrou a homenaxe a Tomás Batuecas no Día da Ciencia en Galicia 2019 que tivo lugar no salón nobre do Colexio de Fonseca, no que, asemade, entregaronse os Premios de Investigación Ernesto Viéitez e as Medallas de Investigación da RAGC coa presenza da conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio. Este último aproveitou para avogar por “un pacto pola Ciencia en Galicia, asinado polos axentes políticos, sociais, económicos e académicos para garantir que a Ciencia e a Tecnoloxía desenvolvidas en Galicia podan avanzar de xeito competitivo”.

O presidente da RAGC recoñeceu o esforzo das Administracións por estruturar o sistema científico galego, pero destacou a necesidade de facer operativos programas que permitan a “atracción de talento”, sexa cal sexa a súa procedencia.

O acto comezou cunha conferencia do presidente de honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos, sobre a figura de Tomás Batuecas, quen foi o seu profesor na Facultade de Quimica da Universidade de Santiago. Diante dos cinco netos de Batuecas chegados de varios puntos de España, Ríos destacou o papel do homenaxeado no establecemento do carbono como referencia para a determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. “Ao longo da súa traxectoria publicou 139 traballos, moitos para a súa época. Deles, o 35% foron en revistas de primeiro nivel, como Nature”, subliñou Ríos.

 

Tomás Batuecas naceu na localidade estremeña de Aldeanueva del Camino en 1893, aínda que estivo estreitamente ligado a Galicia desde que en 1932 gañara a cátedra de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) –a primeira desta especialidade habilitada en España– ata o seu falecemento na capital galega en 1972.

Tras licenciarse en ciencias químicas na Universidade de Salamanca en 1913, Batuecas orientou o seu doutoramento ao tema que había de protagonizar toda a súa traxectoria científica, centrando a súa tese na revisión do peso atómico do carbono. Do Laboratorio de Investigacións Físicas en Madrid, onde foi discípulo de Blas Cabrera, pasou á Universidade de Xenebra grazas a unha bolsa de dous anos outorgada pola Xunta para Ampliación de Estudos, institución antecesora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alí coñeceu o destacado científico Enrique Moles, co que formou equipo durante moitos anos á súa volta a Madrid, xunto con outros recoñecidos investigadores como Julio Palacios.

En 1932 gañou por oposición a primeira cátedra de Química Física habilitada en España, o que supuxo a creación de novos laboratorios e liñas de investigación na USC. Alí foi recibido como a figura de relevancia internacional que xa era. No discurso de inauguración do curso 32-33, o profesor Montequi dáballe a benvida como “un nome prestixiosísimo que se cotiza entre os máis destacados valores internacionais consagrados á medida de masas atómicas”. Ata a súa xubilación en 1963, Batuecas progresou alí nas súas investigacións neste campo e foi mestre de varias xeracións de discípulos que continuaron e ampliaron o prestixio da Escola de Química Física compostelá.

 Máis información sobre a figura de Batuecas. 

Share This