Ábrese o prazo ata o 30 de xuño con tres categorías nas que os galardóns suman unha dotación total de 28.000 € netos


A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre ata o 30 de xuño o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2016. Nesta segunda edición, o certame engade unha terceira categoría, o que eleva a 28.000 euros netos a contía total dos premios.

Os galardóns recoñecerán o mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e os mellores casos de éxito empresariais de transferencia de tecnoloxía. Ao premio xa convocado o ano pasado para pemes súmase este ano o que se lle concederá a unha gran empresa.

A RAGC e a GAIN colaboran de novo na organización deste certame baixo a premisa de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo é unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. No caso de Galicia, estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios.

A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito máis representantivos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. A primeira delas vai dirixida ás pemes galegas (incluíndo as micropemes) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascenderá a 12.000 euros netos.

No caso das grandes empresas, o premio tomará como referencia os mesmos méritos que se valorarán nas pemes, coa diferencia de que o premio para a empresa terá carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.

O detalle das bases e da documentación a entregar pode consultarse nas webs da RAGC (ragc.cesga.es) e da GAIN (gain.xunta.es).

Protagonista: o cerebro

Na primeira edición dos premios, que foron entregados o pasado mes de xaneiro, a saúde do cerebro foi o tema coincidente do proxecto de investigación e do caso de éxito empresarial galardoados.

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada recaeu en José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), pola súa nova terapia para atallar as secuelas do ictus.

No caso do premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, foi recoñecido o innovador sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, Health Intelligence. O software galardoado, bautizado como IQ-BRAIN, foi precisamente o xerme desta spin-off.

Bases premios (pdf)

Share This