Luis Iglesias Iglesias

Día do Científico Galego 2014

Nado en Teis (Vigo) en 1895, realiza estudos de Secundaria en Vigo. A existencia de médicos na súa familia levoulle a estudar Medicina en Santiago. Non obstante, a súa afección pola bioloxía fixo que se desprazase a Madrid (1913), onde se licenciou en Ciencias en 1917. De volta a Galicia concluíu os estudos de Medicina (1919), que non chegou a exercer.

Con axuda do seu mestre, D. Antonio García Varela, inicia o traballo científico coa realización da súa tese doutoral, baixo a dirección de D. Ignacio Bolivar, Catedrático da Universidade de Madrid, Director do Museo de Ciencias Naturais e Presidente da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), entomólogo de talle internacional. A súa tese versou sobre “Enumeración de los Curculiónidos de la Península Ibérica e Islas Baleares”, un traballo exhaustivo e ben documentado sobre esta familia de insectos.

Becado pola JAE, en 1930 inicia un período de especialización no Real Instituto Superior Agrario de Portici (Nápoles), onde, baixo a dirección do Prof. Silvestri, estuda Entomoloxía aplicada á Agricultura. Estivo tamén no Instituto Internacional de Agricultura de Roma, na Estación Entomolóxica e Instituto de Zooloxía de Florencia e no Instituto Superior Agrario de Boloña. Esta orientación agraria da entomoloxía farase ver nunha etapa posterior da súa obra. Así, a primeira parte da súa actividade científica centrouse na entomoloxía morfolóxico-sistemática, coa publicación de numerosos traballos relativos a familias existentes en Galicia. Continuando a obra de Víctor López Seoane e Jerónimo Macho Velado, Luis Iglesias converteuse nun dos máximos expoñentes da entomoloxía galega. Neste contexto cabe destacar a colección entomolóxica formada por 6000 exemplares perfectamente preparados e identificados. Un legado que constitúe un valioso patrimonio científico. Pero cultivou tamén outros aspectos de tipo etolóxico sobre a vida dos insectos e realizou traballos noutros campos, como a ornitoloxía, a mineraloxía, incluíndo tamén unha recolección de briófitos inédita.

Como consecuencia, sen dúbida, da súa formación en Italia, nunha segunda etapa, a súa actividade se orientou preferentemente a aspectos aplicados á agricultura e á divulgación, o que se pode catalogar como un intento de proxección social da Ciencia. Xa en 1932, publicou o traballo “La lucha antiacrídica”, no que analizou os coñecementos sobre a bioloxía das lagostas, os seus parásitos e os medios para combatelas, traballo de referencia na súa época. As enfermidades das plantas de interese agrícola foron tema doutros moitos traballos neste campo, coverténdose así nun verdadeiro experto na loita contra as pragas dos insectos. Por iso, durante longos anos, foi Director do Laboratorio de Fitopatología y Consultorio de Plagas del Campo, adscrito ao Intituto de Estudios Regionales. Este organismo prestou un gran servizo ao campo e á poboación galega, ao facer fronte ás principais enfermidades micolóxicas e entomolóxicas das plantas de cultivo. Un longo conxunto de artigos xornalísticos e de conferencias reforzan este labor, a través da súa acción divulgadora e pedagóxica.

Hai que destacar a súa significativa contribución ao desenvolvemento do Museo de Historia Natural, que hoxe se coñece como Museo Luis Iglesias, como recoñecemento outorgado en 1965 pola Universidade de Santiago ao seu labor neste campo.
Recollendo a herdanza deixada por Antonio Casares no Gabinete de Historia Natural e o labor desenvolvido polo seu predecesor e mestre, Antonio García Varela, dirixe a vida do Museo. Entre as súas contribucións cabe destacar a colección entomolóxica de 6000 exemplares xa citada, a incorporación da Colección Viqueira no ámbito mineralóxico e o enriquecemento doutras coleccións.

O seu labor docente iniciouse no Instituto de Ensino Secundario de Santiago, no que ocupou por oposición a Cátedra de Historia Natural, Fisioloxía e Hixiene, Xeoloxía e Bioloxía, dende 1928. En 1920 iniciou a súa docencia na Universidade de Santiago, na que ocupou a Cátedra de Bioloxía Xeral (Facultade de Ciencias) dende 1932, ano en que a obtivo por oposición, ata 1965, ano da súa xubilación. En relación co seu labor docente cabe sinalar que publicou un libro titulado “Biología de los parásitos del hombre”, que utilizou como libro de texto para unha parte da materia de Bioloxía Xeral que explicaba.

O Prof. Luis Iglesias ocupou diversos cargos académicos: Vicedecano e Decano da Facultade de Ciencias; Administrador Xeral da Universidade, Vicerreitor e Reitor (1936).
Ocupou tamén cargos en institucións relacionadas co galeguismo: en 1926 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, do que foi Director; foi o primeiro presidente do Padroado Rosalía Castro; Académico Numerario da Real Academia Galega dende 1947 e promotor e Académico da Real Academia Galega de Ciencias.

O Prof. Luis Iglesias estaba en posesión da Gran Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio e da Medalla de Prata ao mérito cultural da Orde de Cabaleiros de Compostela.

Faleceu en Pontevedra, o 29 de decembro de 1976.

PROGRAMA

16 de Xuño de 2014

Aula Magna Antonio Casares
Facultade de Química da USC
Santiago de Compostela

19:00 h. Benvida e apertura do acto
19:02 h. Semblanza “Luis Iglesias na memoria”
Dr. Manuel Bermejo Patiño

Catedrático de Química Inorgánica da USC
19:20 h. Conferencia “Luis Iglesias: O Museo de Hª Natural”
Prof. Dr. Victoriano Urgorri Carrasco

Catedrático de Zooloxía da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña de A Graña
19:50 h. Intervención do Presidente da Real Academia Galega de Ciencias
Prof. Dr. Miguel Ángel Ríos Fernández
19:55 h. Peche do acto polo Presidente da Xunta de Galicia
Sr. D. Alberto Núñez Feijóo

Documentos

PDF / CARTEL