Juan Manuel Lema Rodicio e Miguel Ángel Santalices, presidentes da RAGC e do Parlamento de Galicia asinaron este xoves un convenio de colaboración que permitirá aos deputados dispoñer de información científica obxectiva e de calidade para asesoralos no desenvolvemento das súas funcións lexislativas.
A sinuatura materializa a vontade manifestada por ambas entidades en previas xuntanzas. En virtude deste convenio, a Real Academia Galega de Ciencias asesorará ao Parlamento de Galicia cos estudos, traballos ou informes que, en materia científica, lle solicite a Cámara galega co obxectivo de tomar mellores decisións a prol dos cidadáns.
Este asesoramento poderá referirse tanto ás cuestións de interese relacionadas co desenvolvemento do labor de deputadas e deputados, como a aquelas que lles permitan anticiparse aos retos de futuro derivados do desenvolvemento científico.