Manuel Freire Rama
Catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular
Licenciado en Química e con formación investigadora adquirida na Sección de Química Orgánica do Consello Superior de Investigacións en Santiago de Compostela, nos Departamentos de Química Orgánica e Bioquímica da Facultade de Química e de Bioquímica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, entre os anos 1968 a 1976; completada coa estancia no Roche Institute of Molecular Biology, New Jersey (USA), entre os anos 1976 e 1980.
A súa actividade investigadora orientouse á caracterización de diferentes tipos de moléculas compoñentes das células e ao estudo do metabolismo en tecidos animais, entre 1968-1976, e ao estudo dos mecanismos moleculares e celulares implicados na activación do sistema inmunitario, desde o ano 1976 á actualidade. Esta actividade está incluída en 25 Proxectos de Investigación financiados polo Instituto Roche, o Plan Nacional de Investigación e a Xunta de Galicia e recollida en 25 Teses, 30 Tesinas e 126 traballos publicados en Revistas Internacionais e en Congresos.
Durante 45 anos exerceu unha actividade docente en Bioquímica e Bioloxía Molecular nas Facultades de Química e Bioloxía, e de Inmunoloxía Molecular e Celular na Facultade de Medicina, da Universidade de Santiago. Introduciu o ensino da Inmunoloxía na Facultade de Bioloxía e na propia Facultade de Medicina.
Fundou o Laboratorio de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, en 1976, e foi Decano desta Facultade, entre 1989-1994.
É Membro de Número da Real Academia Galega de Ciencias.