Unha vez recibidas todas as valoracións do xurado do VI Premio Contar a Ciencia-la Caixa, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias, patrocinado por la Caixa e organizado por GCiencia, xa temos os resultados:
– Gañador: “Unha app para coidar a quen coida”, de Marta Otero Mayán, estudante de Xornalismo da USC.
– Finalista 1: “Scuba Cancers”, de Andrea Varela e Miriam Alvarez, estudantes de Comunicación Audiovisual da UVigo.
– Finalista 2: “Como gañar o que che quita o Parkinson”, de Alba Tomé, estudante de Xornalismo da USC.
Os galardóns á gañadora, finalistas e resto de participantes no VI Premio Contar a Ciencia outorgaranse nun acto público que se celebrará o luns 8 de xullo ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
A gañadora do certame, Marta Otero, recibirá 500 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. Os dos proxectos finalistas recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos.
Dende a RAGC agradecemos o interese amosado polos participantes e damos a noraboa aos premiados.