O físico e divulgador científico Jorge Mira será o convidado especial da presentación do IV Premio ‘Contar a Ciencia’, que convoca a Real Academia Galega de Ciencias, co patrocinio da Obra Social ‘La Caixa’ e que organiza o portal GCiencia. O acto vai celebrarse en Compostela o vindeiro xoves, 16 de febreiro, ás 11.00 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Dirixido a estudantes de comunicación das tres universidades galegas, o Premio ‘Contar a Ciencia’, que chega á súa cuarta edición, pretende fomentar o xornalismo especializado en novas científicas e tecnolóxicas. No acto de presentación participará, ademais de Jorge Mira, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, e representantes de La Caixa, da Consellería de Educación e do portal GCiencia. A principal novidade desta cuarta edición consiste na convocatoria do premio pola Academia de Ciencias, que toma as rendas da iniciativa tras o éxito alcanzado nos últimos tres anos.
O premio conta tamén coa colaboración da Consellería de Educación e da empresa tecnolóxica galega Primux.